Skip to main content

A USC renova a certificación de calidade ISO 14001 para o seu Servizo de Prevención de Riscos

O Servizo de Prevención de Riscos da Universidade de Santiago acaba de recibir a comunicación pola que AENOR certifica de novo o Sistema de Xestión Medioambiental segundo a norma UNE-EN ISO 14001. Esta certificación xa fora acadada pola USC en 2005 e agora foi renovada por tres anos máis, logo dun exhaustivo proceso de auditorías interna e externa.
ISO é un organismo internacional non gobernamental que emite normas internacionalmente admitidas e deseñadas para avaliar os esforzos das organizacións para adoptar uns estándares comúns de calidade. Concretamente, a norma 14001 establece os requisitos que debe cumprir unha organización que desexe construír e manter un sistema de xestión ambiental para alcanzar unha protección ambiental na súa actividade e cumprir coa lexislación e regulamentación aplicable.
Para o Servizo de Prevención de Riscos da USC certifícanse a xestión da actividade de prevención de riscos laborais, a vixilancia da saúde do persoal, as accións de vixilancia e seguridade no traballo, o almacenamento e xestión dos residuos perigosos e a protección contra radiacións ionizantes.
Esta renovación é o resultado do traballo en equipo dos profesionais do servizo que tiveron que revisar os seus procesos, documentalos e establecer procedementos, obxectivos e indicadores. Para a USC supón dar un paso máis a prol da consecución dos seus obxectivos estratéxicos, entre os que destaca o de "ser unha universidade completa e emprendedora con campus de crecemento equilibrado dando resposta á sociedade a través de servizos de calidade xestionados profesionalmente".

The contents of this page were updated on 04.07.2008.