Skip to main content

A Escola de Práctica Xurídica da USC inaugura este mércores a ampliación das súas instalacións

No transcurso da xornada darán tamén comezo os Estudos de Especialización en Avogacía, Procuradoría e Práctica Xurídica

A Escola de Práctica Xurídica da USC, situada no soto da Facultade de Dereito, inaugurará este mércores 9 ás 16:00 horas a ampliación das súas instalacións cun acto ao que asistirá o reitor Senén Barro; o decano de Dereito, Luis Míguez Macho; o director e secretario da Escola, Lotario Vilaboy; e alumnos do centro. No transcurso da xornada tamén dará comezo, ás 19:00 horas, o curso 2007-08 de Estudios de Especialización en Avogacía, Procuradoría e Práctica Xurídica.
Con esta ampliación, a Escola dispón de 540 metros cadrados distribuídos en dúas aulas para docencia teórica e práctica, unha sala de vistas para a celebración de xuízos simulados, unha sala de informática para os alumnos, catro despachos para o persoal de administración e dirección e un amplo recibidor. Ademais, terá unha saída independente ao exterior e servizos de aseo.
Estudos de EspecializaciónOs Estudos de Especialización en Avogacía, Procuradoría e Práctica Xurídica que imparte esta Escola comezarán coa inauguración ás 19:00 horas no Salón de Actos do Ilustre Colexio de Avogados de Santiago, cun acto que servirá ao tempo de conmemoración da festividade de San Raimundo de Peñafort, patrón dos estudos xurídicos.
O acto, presidido polo reitor Senén Barro, tamén contará coa presenza do decano da Facultade de Dereito, o director da Escola de Práctica Xurídica, a directora xeral de Xustiza da Xunta de Galicia, Begoña Santos; e o presidente da Audiencia Provincial de A Coruña, José Luís Seoane.
Posteriormente, ás 19:30 horas, terá lugar a xornada de estudo “O modelo de instrución penal: xuíz instrutor ou fiscal instrutor” na que participarán os catedráticos de Dereito Procesal das universidades Carlos III de Madrid e Jaume I de Castellón, Víctor Moreno e Juan Luis Gómez, respectivamente; o xuíz decano dos xulgados de Santiago, Francisco Javier Míguez; e o portavoz da fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, José Ramón Piñol.

The contents of this page were updated on 01.08.2008.