Catro concertos no mes de xaneiro dan continuidade dende o mércores ao programa de Lugo Cultural
A programación Lugo Cultural comeza o ano 2008 cun novo ciclo musical que leva por título ‘Músicas a carón da mosqueira’, e no que se combina a música clásica coa electroacústica nun total de catro concertos. Neste ciclo participan artistas utilizando instrumentos que non son moi habituais en Lugo.
A primeira das citas musicais terá lugar o día 9, ás 20:30 horas, na Fundación Caixa Galicia. Estará a cargo da artista Cheng-I Chen Liu, que utilizará a clave para achegar a súa arte ao público lucense. No mesmo lugar e á mesma hora, pero o día 10, actuará o Trío da Ponte, nun concerto de clarinete e fagot.
O Salón Rexio do Círculo das Artes foi o lugar escollido para os dous últimos concertos deste ciclo. O día 14, luns, tamén ás 20:30 horas, actuará O Labirinto da Guitarra, que traerá a Lugo os sons portugueses da man de Pedro Caldeira Cabral, á guitarra, e de Joaquim António Silva, á viola. Finalizará o ciclo coa electroacústica Edson Zamprhona, que estará en Lugo os días 18 e 19 de xaneiro impartindo o curso monográfico ‘Músicas para a escola’, dentro da programación anual do Espazo de Creación Musical da Vicerreitoría de Cultura. O concerto será ás 20:30 horas do venres 18.
Os tres primeiros concertos do ciclo ‘Músicas a carón da Mosqueira’ está feitos coa colaboración de Clásicos en Ruta e o cuarto a mediación do Grupo de Creación musical da Vicerreitoría de Cultura, dirixido por Inmaculada Cárdenas.
Este ciclo deixará paso a toda unha programación na que a música volverá estar presente co ciclo Lubicán, que ten o obxectivo de achegar ao público lugués os grupos galegos, os cuartos xoves de cada mes. En maio tocaralle á música experimental e en xullo a unha nova edición de Entre Lusco e Fusco coa recuperación de espazos naturais como espazos escénicos.
Este ciclo foi presentado o luns 7 de xaneiro por parte dos representantes de catro das cinco institucións que conforman o Convenio Lugo Cultural. Carlos Herrero, vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo; Xoán Xosé Molina, delegado da Consellaría de Cultura; Antonio Veiga, delegado de Cultura da Deputación Provincial, e Sinesio Pérez, xerente da Fundación Caixa Galicia, presentaron este novo ciclo, onde non puido estar presente o representante do Concello de Lugo.
A alumna da Escola de Formación do Profesorado na especialidade de Música e compoñente da Compañía de Teatro da USC Alba Fernández fixo unha pequena actuación de introducción acompañada polo estudante do Conservatorio da Coruña Hugo Rodríguez.
Os presentes destacaron tamén a nova imaxe que representará a Lugo Cultural, deseñada por un alumno da USC. Se trata de Alba Fernández, subida nos seus zancos tocando o violín.