Skip to main content

Tres concertos e unha proxección de cine, próximas actividades da Vicerreitoría de Cultura

O ciclo ‘O órgano da Universidade, doutra maneira’ e dous concertos do Coro Universitario coa Capela Compostelá serán as próximas actividades musicais que organice a Vicerreitoría de Cultura esta e a próxima semana.
A sesión dedicada ao órgano terá lugar este martes 27 ás 20:30 horas na Igrexa da Universidade cun concerto a cargo de Oman Consort, integrado por Martina Schobersberger, órgano e clave; Daniel Oman, guitarra barroca e colascione; Wolfgang Heiler fagot barroco; e Michael Oman, frauta de bico e dirección.
O programa de actividades para este días continuará o xoves 29 coa proxección ás 20:30 horas na Igrexa da Universidade do filme mudo Zemlya (A terra), de Alexander Dovjenko (1930, URSS), acompañada con música improvisada de órgano e guitarra eléctrica.
Xa no mes de xuño, o Coro Universitario coa Capela Compostelá ofrecerá dous concertos, o martes 3 e o mércores 4, dentro do ciclo ‘El tañer con el cantar, cancioneiros españois do século XVI’, que dirixe Miro Moreira. A primeira das citas, o martes 3, será na Igrexa da Universidade en Santiago a partir das 20:30 horas, para rematar o mércores 4 á mesma hora na Igrexa de San Pedro, en Lugo.

The contents of this page were updated on 05.27.2008.