Skip to main content

A USC e o Colexio de Avogados de Lugo continúan coas charlas de actualización para profesionais

Intervirá Bernardino Varela para falar sobre prescrición de delictos

A Universidade de Santiago de Compostela e o Colexio Provincial de Avogados de Lugo continuarán este xoves 29 coas primeiras Xornadas de Actualización Xurídico Profesional, que consisten nunha serie de charlas de especialistas que se desenvolven na sede do Colexio ás 19:00 horas dirixidas a profesionais pero abertas a todo o público.
Estas xornadas organízanse ao amparo do convenio firmado entre as dúas entidades no mes de setembro do ano pasado para fomentar o intercambio de experiencias nos campos da docencia, a investigación e a cultura en xeral dentro das áreas nas que se solicite por parte dos profesionais.
O relatorio de mañá será o terceiro deste ciclo. Estará a cargo do profesor de Dereito Procesual Bernardino J. Varela Gómez, que falará da prescrición de delictos na xurisprudencia do Tribunal Constitucional e do Tribunal Supremo.
Antes dos meses de descanso de verán celebrarase, o día 26 de xuño, unha nova conferencia, a cargo do profesor de Dereito Penal Fernando Vázquez-Portomeñe co título ‘O Dereito Penal ambiental: a protección penal do medio ambiente, o patrimonio histórico e a ordenación do territorio’. O ciclo rematará o 25 de setembro falando de ‘O Dereito Penal e as novas tecnoloxías’ a cargo de Santiago Brage Cendán, que é profesor de Dereito Penal.

The contents of this page were updated on 05.28.2008.