Skip to main content

A Federación Autismo Galicia pecha na USC as súas xornadas de información especializada

A Federación Autismo Galicia celebrará este martes 13 na USC as súas xornadas de información especializada sobre as posibilidades actuais de integración sociolaboral das persoas con trastornos do espectro autista. As xornadas pecharán na universidade compostelá un ciclo iniciado o pasado de marzo que achegou as particularidades do autismo aos integrantes da comunidade universitaria galega.
O programa arrancará no Salón de Actos da Facultade de Ciencias da Educación a partir das 9:45 horas nun acto inaugural no que participarán o decano do centro, Lois Ferradás; o presidente da Federación Autismo, Cipriano Luis Jiménez Casas; e a directora da Unidade de Atención Temperá da USC, Mª José Buceta. Deseguido, celebrarase unha charla coloquio na que se realizará unha aproximación aos aspectos diagnósticos, educativos e de calidade de vida das persoas con Trastorno do Espectro Autista. Nela intervirán Ana Mª Rodríguez Díaz e Berta Meijide Rico, profesoras de Educación Especial da Fundación Menela.
A sesión matinal completarana Cipriano Luis Jiménez e o director do Centro de Día Lamas de Abade, Raúl Crespo, para falar das posibilidades ocupacionais e de emprego para as persoas con este trastorno.
Xa pola tarde, ás 16:00 horas comezará unha mesa redonda sobre políticas de benestar social. Nela interveñen a delegada provincial da Secretaria Xeral do Benestar da Xunta de Galicia, Tereixa Novo; a traballadora social da Fundación Galega para a Tutela de Adultos, Mª Pilar Couce; e o presidente da Confederación Autismo España, Antonio de la Iglesia.
Para rematar, Mª José Buceta e Dagmar Gabriela Nedelcu, da Unidade de Atención Temperá da USC, presentará o relatorio ‘As persoas con Trastornos do Espectro Autista: como perciben, como pensan. Implicacións no ámbito educativo e profesional’.

The contents of this page were updated on 05.12.2008.