Skip to main content

O I Simposio Nacional sobre Educación Internacional reúne no CEA a expertos de dezasete Universidades

Expertos e investigadores de dezasete Universidades españolas reuniranse este xoves 8 e o venres no I Simposio Nacional sobre Educación Intercultural, no que presentarán e debaterán proxectos e propostas sobre investigación e desenvolvemento neste eido do saber pedagóxico. Esta discusión formúlase, afirman os organizadores, cando “se multiplican os desafíos” que conleva a busca de éxito escolar nunha sociedade “que medra en diversidade cultural”.
Patrocinado polo Centro de Investigación e Documentación Educativa do Ministerio de Educación e organizado polo Grupo ESCULCA da USC, o propósito principal do evento é a construción de sinerxías entre grupos con acreditada traxectoria investigadora en educación intercultural, a fin de procurar unha máis efectiva transferencia do coñecemento á escola e a outras instancias formativas. Os investigadores avaliarán ademais as condicións polas que os programas de educación intercultural poden contribuír á mellora xeral da equidade e do sistema educativo.
Xa na parte final do simposio os participantes someterán a debate e resolución a creación dunha Rede Nacional de Investigadores en Educación Intercultural, coa que se iniciaría o camiño para a realización de proxectos conxuntos tanto nacionais como internacionais.
No simposio, que se inaugurará este xoves ás 16:30 horas no Centro de Estudos Avanzados, teñen previsto a súa intervención os profesores da USC e membros do Grupo Esculca Mar Lorenzo Moledo, Marcial Gondar Portasany e Miguel Anxo Santos Rego.

The contents of this page were updated on 05.07.2008.