Skip to main content

Matemáticos e nanotecnólogos internacionais exploran na USC novas oportunidades e aplicacións

A Facultade de Matemáticas da USC reúne estes días a expertos en nanotecnoloxía e matemáticas de todo o mundo nun curso programado dentro das actividades coas que o Proxecto Consolider Ingenio Mathematica (i-MATH) pretende achegar máis a investigación matemática ao mundo da industria. Logo de celebrarse durante estes días, a clausura terá lugar o xoves 8 ás 19:00 horas na Aula Magna do centro.
A nanotecnoloxía é un campo das ciencias aplicadas dedicado ao control e manipulación de fenómenos e propiedades da materia no ámbito dos átomos e moléculas, unha ciencia en auxe que entrelaza diferentes disciplinas de varios campos: física, ciencia de materiais, química supramolecular, enxeñaría mecánica e eléctrica ou matemáticas, entre outras.
Este carácter interdisciplinar fai que os investigadores desta ciencia estean atopando numerosas aplicacións prácticas que van dende superconductores de enerxía ou datos ata cremas solares, pasando por infinidade de aplicacións médico-farmacéuticas e, por suposto, industriais.
Segundo os organizadores da actividade, os profesores Alfredo Bermúdez de Castro, Francisco Pena e José Rivas, das Facultades de Matemáticas e Física da USC, a evolución de sectores en auxe en Galicia como a automoción, o téxtil ou a industria alimentaria pasará “sen lugar a dúbidas” polos avances nesta nova disciplina.
Nanotecnoloxía e MatemáticasNo curso que finaliza este xoves se busca a través de leccións maxistrais de expertos internacionais presentar unha introdución sobre as ferramentas matemáticas necesarias para a formulación e, consecuentemente, a resolución de fenómenos e propiedades asociados á nanotecnoloxía e á nanociencia.
Organizado polo Nodo Cesga do Proxecto Consolider i-MATH, o curso conta co cofinanciamento da USC e da Xunta de Galicia e está dirixido a novos investigadores que desexan iniciarse na aplicación das matemáticas e máis concretamente nos métodos de simulación numérica na área da Nanotecnoloxía.
As sesións do curso impártenas recoñecidos expertos internacionais como Luís Melo, do Instituto Superior Técnico da Universidade Técnica de Lisboa; Yalchin Efendiev, da Texas A&M University; Michael Griebel, da Universidade alemá de Bonn; e Claude Le Bris, da CERMICS – ENPC de Marne la Vallée.

The contents of this page were updated on 05.07.2008.