Skip to main content

Especialistas achegan a figura do cineasta Alexander Sokurov dende diferentes disciplinas

Aberto o prazo de inscrición no seminario e ciclo de cine que permite obter un crédito de libre configuración aos alumnos da USC

Especialistas de estética, historia do cinema ou filosofía achegan no Centro Galego de Arte Contemporánea do 13 ao 28 de maio ao cineasta Alexander Sokurov, figura esencial para entender as mutacións que se están a producir actualmente na linguaxe cinematográfica. O prazo de inscrición no seminario e ciclo de cinema xa está aberto e permitirá obter un crédito de libre configuración aos alumnos da USC.
Coordinado por José Antonio Cascudo, as conferencias tentan reflexionar sobre a relevancia deste creador dentro dos cambios que atinxen á imaxe na sociedade contemporánea, así como a súa relación coa cinematografía e tradición estética rusa en todas as súas manifestacións.
O seminario acompáñase coa proxección de películas que abranguen as diferentes facetas da filmografía de Sokurov. A organización do ciclo estrutúrase atendendo ás diferentes liñas temáticas nas que se bifurca a obra.
Alexander Sokurov
O cineasta comezou a facer filmes ao final da época soviética, réxime co que tivo relacións difíciles. Acusado de formalismo polas autoridades e de facer un cinema que non responde aos intereses do Estado, as súas películas chegarán a non exhibirse. Coa subida ao poder de Gorbachov, a situación cambia e o director comeza a recibir premios internacionais.
A obra de Sokurov rexeita a súa reclusión nun único xénero, mesturando documental e ficción, ficción histórica e drama intimista, subvertendo as categorías habituais á procura dunha nova forma de mirar na que a lóxica poética domina sobre as relacións narrativas.

The contents of this page were updated on 05.07.2008.