Skip to main content

O xurado do XII Premio Internacional Grupo Compostela-Xunta de Galicia concédelle o galardón a Canal ARTE

A vicerreitora de Investigación e Innovación recibiu ao xurado do Premio Grupo Compostela-Xunta de Galicia
A vicerreitora de Investigación e Innovación recibiu ao xurado do Premio Grupo Compostela-Xunta de Galicia

O xurado do XII Premio Internacional Grupo Compostela-Xunta de Galicia, reunido este venres no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome, decidiu concederlle por unanimidade o galardón a Canal ARTE, constituído por ARTE France e ARTE Deutschland TV GMBH en 1991. O premio valora ás persoas ou institucións significadas polo seu labor en prol da unidade europea ou a preservación do patrimonio cultural do noso continente.
Con este recoñecemento preténdese resaltar o importante labor de Canal ARTE na concepción, realización e difusión por satélite ou por outros medios de emisións de carácter cultural e internacional.
O principal obxectivo de Canal ARTE, televisión sen fronteiras, é favorecer a comprensión e achegamento aos pobos de Europa. Na actualidade está asociado a outras televisións públicas europeas, como RTBF en Bélxica, SRG SSR Idée Suisse en Suíza, TVE en España, TVP en Polonia, ORF en Austria, YLE en Finlandia, NPS no País Vasco, BBC en Gran Bretaña e SVT en Suecia. Dende a súa central de Strasburgo decídense as estratexias, a concepción xeral do programa de ARTE e a programación das súas emisións, sendo responsable da difusión das emisións e da presentación e tratamento multilingüe dos programas.
XuradoPresidido pola conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón, por delegación do presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, o xurado estaba composto ademais pola conselleira de Cultura e Deportes, Ánxela Bugallo; o presidente do Grupo Compostela de Universidades, Maurits van Rooijen; o director xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia, Xosé Ramón Leis Fidalgo; o reitor da Universidade de Oulu (Finlandia), Lauri Lajunen; e o delegado do reitor da Universidade de Northeastern (EEUU), Patrick Plunkett. A asistente da secretaria executiva do Grupo Compostela, Khazna Villa Al Hussen, actuou como secretaria do xurado. O reitor da Universidade de Cantabria, Federico Gutiérrez-Solana, tamén integrante do xurado non puido acudir polo que delegou o seu voto no presidente do Grupo.
O premioA Xunta de Galicia e as universidades membro do Grupo Compostela poden presentar anualmente candidaturas a este premio, cunha dotación económica de 6.000 euros e unha medalla de ouro conmemorativa que representa a cuncha, símbolo milenario da peregrinación a Santiago e imaxe elixida tamén para o Grupo.
Nas anteriores ocasións os premiados foron Jacques Santer (1997), ex-presidente da Comisión Europea; Václav Havel (1998), presidente da República Checa; o director de orquestra alemán Helmuth Rilling (1999); o escritor neerlandés Cees Nooteboom (2000); a fiscal xefe do Tribunal para a ex Iugoslavia e Ruanda, Carla del Ponte (2001); o arquitecto portugués Álvaro Siza (2002); o investigador e catedrático da USC Manuel Díaz y Díaz (2003); o psicolingüista catalán Miquel Siguán Soler (2004); o historiador, diplomático e político Wladyslaw Bartoszewski (2005); o Grupo de Helsinki sobre mulleres e ciencia (2006); e en 2007 o investigador Manuel Castells.

The contents of this page were updated on 05.09.2008.