O xurado do XII Premio Internacional Grupo Compostela-Xunta de Galicia reúnese este venres na USC
O xurado do XII Premio Internacional Grupo Compostela-Xunta de Galicia reunirase este venres, día 9, a partir das 17:30 horas no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome. O premio valora ás persoas ou institucións significadas polo seu labor en prol da unidade europea ou a preservación do patrimonio cultural do noso continente.
Presidido pola conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón, por delegación do presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, o xurado está composto ademais pola conselleira de Cultura e Deportes, Ánxela Bugallo; o presidente do Grupo Compostela de Universidades, Maurits van Rooijen; o director xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia, Xosé Ramón Leis Fidalgo; o reitor da Universidade de Oulu (Finlandia), Lauri Lajunen; e o delegado do reitor da Universidade de Northeastern (EEUU), Patrick Plunkett. A asistente da secretaria executiva do Grupo Compostela, Khazna Villa Al Hussen, actuará como secretaria do xurado. O reitor da Universidade de Cantabria, Federico Gutiérrez-Solana, tamén integrante do xurado non poderá acudir polo que delegou o seu voto no presidente do Grupo.
Con anterioridade á celebración da xuntanza, a vicerreitora de Investigación e Innovación, María José Alonso, recibirá aos integrantes do xurado dándolle á benvida á USC.
O premioA Xunta de Galicia e as universidades membro do Grupo Compostela poden presentar anualmente candidaturas a este premio, cunha dotación económica de 6.000 euros e unha medalla de ouro conmemorativa que representa a cuncha, símbolo milenario da peregrinación a Santiago e imaxe elixida tamén para o Grupo.
Nas anteriores ocasións os premiados foron Jacques Santer (1997), ex-presidente da Comisión Europea; Václav Havel (1998), presidente da República Checa; o director de orquestra alemán Helmuth Rilling (1999); o escritor neerlandés Cees Nooteboom (2000); a fiscal xefe do Tribunal para a ex Iugoslavia e Ruanda, Carla del Ponte (2001); o arquitecto portugués Álvaro Siza (2002); o investigador e catedrático da USC Manuel Díaz y Díaz (2003); o psicolingüista catalán Miquel Siguán Soler (2004); o historiador, diplomático e político Wladyslaw Bartoszewski (2005); o Grupo de Helsinki sobre mulleres e ciencia (2006); e en 2007 o investigador Manuel Castells.