A decana da Facultade de Veterinaria foi nomeada vicepresidenta da asociación europea que agrupa a estes centros
A decana da Facultade de Veterinaria de Lugo, Ana María Bravo Moral, foi elixida como nova vicepresidenta da Asociación Europea de Establecementos de Ensino de Veterinaria (EAEVE), durante a reunión anual que mantivo este organismo en Copenhague.
A EAEVE ten na actualidade un total de 96 centros de ensino veterinario como socios, entre os que se atopa a Facultade luguesa. Ademais dos europeos, forman parte da mesma facultades de países que manteñen intensas relacións co continente, como Israel ou Turquía.
O comité executivo da asociación, presidido por Marcel Wanner, de Suíza, renovou este ano a catro dos seus membros, entre os que se atopaba o cargo de vicepresidenta. Foron os membros do mesmo os que propuxeron a candidatura de Ana María Bravo, que substitúe á representante do centro de Zagreb.
Para a súa elección foi relevante o feito de que dende o mes de setembro Ana María Bravo ven representando ante a Unión Europea ás 17 facultades de España e Portugal.
Segundo indicou a decana, “este nomeamento supón unha oportunidade única para facer moitos cambios, que son necesarios, nos estudos veterinarios”.
Máis de dez anos na facultadeAna María Bravo Moral será reelixida este xoves novamente como decana da Facultade de Veterinaria, xa que só se presentou a súa candidatura. Deste xeito, renovará no cargo despois de catro anos, xa que accedeu no 2004.
Nacida no Bierzo e licenciada na Universidade de León, chegou a Lugo no ano 1994-95 despois de dez anos como profesora na súa facultade de orixe. Deseguido, accedeu ao cargo de vicedecana, no que se mantivo durante oito anos, antes de ser elixida para a dirección que ocupa actualmente.
Baixo o seu mandato, a Facultade renovou no mes de abril a acreditación europea que a EAEVE lle concedeu no ano 2000. A comisión que realizou o seguimento do exame cualificou o centro de “modelo” para os outros centros europeos.