Directivos de Gamelsa, Talleres Casty Romer, Recursos Galicia e do Grupo Jesús Babío impartirán un ciclo de conferencias na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais
Representantes de Gamelsa, Talleres Casty Romer, Recursos Galicia e do Grupo Jesús Babío participarán ao longo da vindeira semana nunha serie de conferencias cos alumnos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais de Santiago co obxecto de transmitirlle as súas experiencias particulares ao fronte das empresas mencionadas.
Deste xeito, a Facultade e a Asocación de Empresarios do Polígono Industrial do Tambre (AEPIT) organizan este ciclo de charlas con empresarios e directivos dalgunha das máis importantes empresas do tecido industrial galego instaladas no Polígono de Compostela. O acto inaugural celebrarase o vindeiro luns 19, ás 12:00 horas no Salón de Graos do centro nunha sesión na que estarán presentes a decana Maite Cancelo e o presidente de AEPIT, Jesús Chenel. Deseguido, Jesús Ferradás Barreiro, de Gamelsa, protagonizará a primeira das conferencias.
Nas restantes sesións, os empresarios convidados serán Flor Mariño, de Talleres Casty Romer, o martes 20; Xiana Zapata Criado, de Recursos Galicia, o mércores 21; e Jesús Babio, do Grupo homónimo, pechará o xoves 22 o ciclo.
Os profesionais participantes ofreceranlles aos asistentes a súa experiencia ao fronte destas empresas desde os seus inicios, a súa consolidación no mercado e a situación actual do sector no que desenvolven a súa actividade. Nas distintas sesións terá lugar un coloquio no que os asistentes poderán formular cuestións de interese sobre o mundo da xerencia e a actividade empresarial.
Aula de Práctica EmpresarialEste ciclo de intervencións forma parte da Aula de Práctica Empresarial, iniciativa que pretende completar a formación dos alumnos deste centro compostelán a través da realización de xornadas e seminarios en temas de actualidade económica e de conferencias de empresarios.