Skip to main content

Expertas internacionais debaten na USC sobre múltiples formas de violencia sexista

Rita Radl, a primeira pola esquerda, xunto con Carme Adán; a vicerreitora de Calidade, Dolores Álvarez; Lois Ferradás e Mar Martín na inauguración do congreso
Rita Radl, a primeira pola esquerda, xunto con Carme Adán; a vicerreitora de Calidade, Dolores Álvarez; Lois Ferradás e Mar Martín na inauguración do congreso
O coloquio celébrase dentro do Congreso Novas e Vellas Cuestións das Investigacións das Mulleres e do Xénero

Expertas de Alemaña, Italia e Brasil debaten este xoves sobre as formas múltiples de violencia sexista no contexto internacional. O coloquio, que se desenvolve ás 16:00 horas na Facultade de Ciencias da Educación no Campus Sur, enmárcase dentro do Congreso Novas e Vellas Cuestións das Investigacións das Mulleres e do Xénero.
Xa o venres 16, última xornada do encontro, a docente da USC Mar Llinares coordinará ás 9:30 horas a charla ‘Igualdade de Xénero, Participación política laboral y procesos de Transformación Social’. Participan a profesora da Universidade brasileira Victoria da Conquista, Lívia Diana Magalhaes; da Autónoma de Barcelona, Marina Subirats; e do Minho, Ana Paula Pereira.
Pola tarde, terá lugar ás 16:00 horas a conferencia de clausura na que a profesora da Universidade alemá Koblenz, Elisabeth de Sotelo, falará sobre aspectos relevantes do pensamento feminista. Presenta o relatorio a responsable do congreso, Rita Radl.
Co fin principal de establecer un espazo de discusión sobre investigacións das mulleres e do xénero, o congreso organizouno o Centro Interdisciplinario de Investigacións Feministas e de Estudos de Xénero (CIFEX) da USC xunto co Comité de Socioloxía do Xénero da Federación Española de Socioloxía (FES).

The contents of this page were updated on 05.15.2008.