A USC celebrará este ano na provincia de Lugo 18 cursos de verán

A Universidade de Santiago de Compostela celebrará na provincia de Lugo un total de 18 cursos de verán, que se repartirán entre o campus de Lugo e cinco concellos da provincia. Así o anunciou este mércores o vicerreitor de Cultura, Elías Torres, que lembrou tamén que a matrícula ábrese hoxe para quen acceda vía internet e o 11 de xuño para os que prefiran formalizar a solicitude de maneira presencial.
A USC realizará este verán un total de 65 cursos, máis do dobre que nas edicións pasadas. De feito, nesta provincia haberá 11 máis que no 2007 e súmanse tres vilas máis a esta iniciativa.
Deste xeito, sete dos cursos terán lugar no Campus de Lugo, catro en Monforte, tres en Sarria, dous en Mondoñedo, un en Foz e outro en Ribadeo. Ademais haberá vinte e tres no Campus de Santiago; cinco en Vilagarcía de Arousa; catro en Sada e Moaña; tres en Noia; e un en Caldas de Reis, Lalín, Lousame, Muros, Bertamiráns, A Coruña, Rianxo e Tomiño.
Cun orzamento total de 1.300.000 euros, o vicerreitor explicou que a oferta de cursos é a maior da historia da USC, “nunha aposta decidida por esta clase de formación” na que anualmente se matriculan miles de interesados. Serán, ademais, preto de mil os relatores que impartirán as charlas, dos que o trinta por cento proceden de fóra da USC.
TemáticaNo campus de Lugo os cursos versarán sobre clínicas veterinarias; música e danza na educación; nanomateriais; sustentabilidade e xestión do desenvolvemento rural; atención sanitaria; xustiza e igualdade social, e o modelo gastronómico actual.
Novas perspectivas para a industria alimentaria; escritoras europeas de literaturas minorizadas; paisaxe rural; e identidade cultural e aproximación aos aspectos psicosociais, legais e forenses da violencia de xénero serán as temáticas a abordar nos catro cursos proxectados no Campus de Verán de Monforte de Lemos. En Sarria haberá tres que versarán sobre o desenvolvemento económico da zona centro-sur da provincia de Lugo nos sectores forestal, agropecuario e servizos; a educación emocional e o Camiño de Santiago desde a perspectiva da comunicación e a cultura.
A programación complétase na provincia de Lugo con dous cursos en Mondoñedo titulados ‘Galegos de Mondoñedo’ e ‘Seminario de protocolo deportivo’; en Ribadeo celebrarase un sobre agroecoloxía e desenvolvemento rural sustentábel; e un máis en Foz sobre educación e cidadanía.
Campus de SantiagoEn Santiago, os cursos abranguerán temáticas tan variadas como o avellentamento en Galicia; a comunicación de malas noticias; cooperación para o desenvolvemento; dereito do traballo; Universidade e discapacidade; a familia da sociedade multicultural; linguas e inmigración; a organización do traballo; elites emigrantes ibéricas no Río da Prata; televisión e ficción; educación para a cidadanía; 50 anos de seguridade social comunitaria; a mercantilización do coñecemento; enerxía solar; bioinformática; novos retos para o turismo; o estatuto fiscal dos traballadores autónomos; violencia de xénero; dirección de proxectos; relixiosidade e laicidade no século XXI; a hidroterapia na Galicia antiga; liberdade relixiosa; e enerxías renovables.
Continúa a programación no Campus de Verán de Vilagarcía de Arousa con cursos sobre ictioloxía continental; mecanismos de cooperación policial e xudicial; o mercado de traballo no século XXI; as vilas en renovación urbana e os novos retos na intervención interdisciplinar da dislexia. Xa no Campus de Noia desenvolveranse tres cursos sobre o gas radón como factor de risco ambiental para a saúde humana; Antón Avilés de Taramancos e a memoria histórica; e a mediación como mecanismo de solución de conflitos. No de Sada trataranse cuestións como Guerra civil e represión en Galiza e concretamente o proxecto de investigación interuniversitario ‘As vítimas, os nomes e as voces’; auga e sustentabilidade; Galicia e o medio ambiente; e o modelo alimentario e gastronómico actual.
En Moaña, serán as mulleres do mar; a aplicación das enerxías renovábeis na construción; os novos retos da medicina do século XXI; e ‘Entre ASCON e PESCANOVA: construción naval, pesca de gran altura e conxelado en Galiza’ os catro cursos a celebrar este verán.
Outros espazosEn Lalín terá lugar un sobre novas fronteiras na igualdade de oportunidades e outro en Caldas de Reis sobre xerontoloxía, mentres que en Lousame o curso centrarase no estado do patrimonio industrial en Galiza e Portugal e o de Muros nos portos pequenos e medianos no novo escenario marítimo europeo.
Por último, en Bertamiráns haberá outro sobre os problemas do crecemento urbano; na Coruña un dedicado a comunicar arte; en Rianxo sobre astronomía nos concellos vs contaminación lumínica; e en Tomiño un titulado ‘Filminho 2008: reflexións sobre o audiovisual galego e portugués’.
MatrículaA matrícula é validable por 2 créditos de libre configuración nos casos de cursos de 30 ou máis horas lectivas. Os prazos de inscrición pecharanse dez días antes da celebración do curso que se trate, que pode ser nos meses de xullo, agosto ou setembro.
A taxa xeral de matrícula é de 120 euros para os cursos de 30 ou máis horas e de 70 para os demais. Existe ademais un prezo reducido para estudantes universitarios, persoas desempregadas e PDI e PAS da USC de 70 euros no primeiro caso e de 40 para os cursos de menos de trinta horas. Por outra banda, para facilitar a súa realización a todo o que o desexe ofertáronse 230 bolsas de matrícula gratuíta.