Preto de 200 profesionais da educación daranse cita no II Seminario Nacional 'Atención educativa ao alumnado inmigrante. Experiencia e innovación'
Preto de doce mil alumnos foráneos cursan estudos nas escolas galegas o que ten espertado un particular interese dos profesionais da educación e dos investigadores neste eido por desenvolver unha axeitada xestión deste colectivo. Neste contexto, a USC organiza entre este xoves 13 e o sábado 15 a segunda edición do Seminario Nacional ‘Atención educativa ao alumnado inmigrante. Experiencia e innovación’, logo do rotundo éxito de convocatoria e participación da edición celebrada en 2007.
A mellora da atención educativa aos inmigrantes converteuse nun dos eidos que máis expectación espertan dentro e fóra das escolas, “por máis que sempre deba asociarse ao esforzo por conseguir elevar os niveis de calidade e equidade a todos os alumnos, independentemente da súa orixe social ou familiar”, sinalan os promotores do encontro. A este respecto tamén engaden que unha “pedagoxía da inclusión” debe coidar de que a familia, a escola e a comunidade colaboren a prol dunha aprendizaxe persoal e compartida capaz de garantir o éxito a todos os estudantes.
O seminario tentará dar continuidade á análise e mesmo á avaliación de enfoques, programas e metodoloxías que veñen informando a renovación curricular e a posta en valor de innovacións que optimicen tanto as oportunidades académicas do alumnado inmigrante como a mellor acomodación das súas familias aos novos contextos de vida social e comunitaria. Esta segunda edición debe supor ademais, segundo os organizadores, a consolidación dun espazo de encontro entre profesionais do ensino e estudosos da inmigración en perspectiva socio-pedagóxica.
O encontro celebrarase no Salón de Actos da Facultade de Ciencias da Educación do Campus Sur co patrocinio da Secretaria Xeral de Emigración e a colaboración das direccións xerais de Ordenación e Innovación Educativa e da de Promoción Científica e Tecnolóxica do Sistema Universitario Galego.
ProgramaÁ inauguración oficial deste seminario, a partir das 16:15 horas, está prevista a asistencia do vicerreitor de Cultura, Elías Torres, o decano do centro, Lois Ferradás, e representantes da Secretaría Xeral de Emigración e da Consellaría de Educación. Antonio Parras Laguna, do Ministerio de Educación, abrirá a quenda de intervencións co relatorio ‘Os recursos educativos na xestión pedagóxica da diversidade cultural. O CREADE’.
A xestión socio-educativa da inmigración no contexto local de Galicia será tema dunha táboa redonda na que intervirán o catedrático da USC Marcial Gondar; o presidente da FEGAMP, Carlos A. Fernández Castro; a concelleira de Benestar do Concello de Vigo, Mª Xosé Méndez Piñeiro; e a tenente de alcalde e concelleira de Servizos Sociais de Caldas, Begoña Castro.
Na xornada do venres están programados diversos obradoiros nos que debaterá sobre a aprendizaxe cooperativa an atención educativa ao alumnado inmigrante, ensino de segundas linguas a estudantes foráneos, as tecnoloxías da información e das comunicacións neste contexto e cine, memorias de vida e documentos persoais como recursos educativos na pedagoxía intercultural.