Skip to main content

Os sétimos Coloquios en Compostela someterán a debate a mobilidade da poboación e migracións en áreas urbanas de España e Portugal

Os Coloquios en Compostela, que anualmente celebra a Cátedra Unesco 226 sobre Migracións, profundarán na súa sétima edición na ‘Mobilidade da poboación e migracións en áreas urbanas de España e Portugal’. O profesor da USC Andrés Precedo Ledo pronunciará o día 27 a conferencia inaugural do encontro ‘As migracións nas distintas fases do proceso de urbanización’. A sesión celebrarase no Paraninfo da Universidade, na Facultade de Xeografía e Historia, a partir das 19:30 horas.
O caso dos fidalgos galegos será o tema que inicie as intervencións do día 28, da man do profesor Vitor Migués, para continuar cunha análise do mercado laboral e inmigración no noroeste galego durante o século XVIII, aspecto que abordará o profesor da Universidade de León Alfredo Martín centrándose no caso da vila de Ferrol. Esta primeira sesión rematará coas intervencións da profesora da Universidade de Coimbra Antonia Lopes cun relatorio sobre ‘Os migrantes nos arquivos da assitência e da repressão em finais de Antigo Réxime’ e do profesor da Universidade de Lisboa Álvaro Ferreira para explicar os modelos de mobilidade interior en Portugal entre 1860 e 1960.
A segunda sesión desta xornada comezará na tarde do mesmo día 28 falando sobre a mobilidade poboacional e o desenvolvemento metropolitano de Madrid, seguindo coa análise da mobilidade residencial en Barcelona e das migracións diarias nas grandes cidades galegas, con especial atención ao caso da área metropolitana da Coruña.
O coloquio rematará coa presenza do profesor da Universidade de Lisboa Jorge Macaísta que pronunciará o relatorio ‘”Desegragación” socio-étnica e política da vivenda nas cidades do sur de Europa: ¿unha vía para a integración do inmigrantes?’.

The contents of this page were updated on 11.07.2008.