A faceta de Cadarso como médico e reitor, nunha mesa redonda no Paraninfo
A Universidade de Santiago está a conmemorar o ano Rodríguez Cadarso, en recoñecemento ao que fora reitor da institución na década dos anos 30. Con este motivo organízanse as xornadas ‘Rodríguez Cadarso. Un reitor para un país’, que este mércores 19 inclúen unha mesa redonda sobre o Cadarso médico e reitor.
Serán José Carro Otero, Lourenzo Fernández Prieto e Ricardo Gurriarán Rodríguez os que participen nesta mesa redonda, ás 19:30 horas no Paraninfo da Universidade (Facultade de Xeografía e Historia), actuando como moderador o vicedecano da Facultade de Medicina, David Araújo Vilar.
Rodríguez CadarsoAlejandro Rodríguez Cadarso (1887-1933), impulsor do desenvolvemento do campus sur compostelán e da residencia de estudantes, foi catedrático de Anatomía na Universidade compostelá, tarefa que compaxinou co seu labor como deputado pola Organización Republicana Galega Autónoma durante a República, etapa na que se caracterizou polo seu apoio á autonomía de Galicia.
Vicerreitor da USC dende novembro de 1929 e reitor dende marzo de 1930, como responsable da institución pretendeu ligar a Universidade coa cultura e coa sociedade galega en xeral, favorecendo a súa modernización. Ademais do desenvolvemento do Campus Sur, durante o seu mandato fundáronse o Instituto de Estudos Portugueses e o Instituto de Estudos Rexionais, exemplos da súa vontade de intensificar as relacións con Portugal e de potenciar a entrada dos estudos sobre Galicia na Universidade, en colaboración con profesores e estudantes galeguistas e o Seminario de Estudos Galegos.