A USC imporá, a título póstumo, a súa Insignia de Ouro ao 'último mestre da República'
“O que hai que facer é axudar a crecer en liberdade, axudar aos ‘pequerrechos’ a ser o que queiran ser e, sobre todo, amalos e ser feliz facéndoo” afirmaba Gonzalo Anaya Santos, o último mestre da República e catedrático de Filosofía da Escola de Maxisterio da Universidade de Santiago entre 1953 e 1973. Anaya Santos recibirá a título póstumo a Insignia de Ouro da USC nun acto protocolario no que tamén se presentará un volume conmemorativo.
A imposición celebrarase ás 12:00 horas no Paraninfo da Universidade na Facultade de Xeografía e Historia presidida polo reitor da USC, Senén Barro, que estará acompañado polo seu homólogo da Universidade de Valencia, Francisco Tomás Vert, e polo vicerreitor de Cultura, Elías Torres. Ao acto está prevista ademais a asistencia do conselleiro de Educación do Principado de Asturias, José L. Iglesias, dos seus fillos, compañeiros seus na institución universitaria valenciana, e dos profesores Jesús Alonso Montero, Antón Costa, Blanca Caamaño, Aurora Marco e Ezequiel Méndez, que trazarán unha semblanza do homenaxeado.
O homenaxeado exerceu a docencia ata o seu falecemento en xuño deste mesmo ano, polo que está considerado o último mestre da República, que é precisamente como lle gustaba autodefinirse. O seu discurso educativo reivindicaba unha “ensinanza educativa”, coherente co precepto constitucional e fundamentada na proclamación dos Dereitos Humanos.
O recoñecemento da USC sumarase a outras distincións das que Gonzalo Anaya era posuidor como a Medalla de Prata ao Mérito no Traballo ou a Medalla da Universidade de Valencia.