Skip to main content

Unhas xornadas en Santiago mostrarán o traballo das mulleres conformando a ciencia

‘Mulleres ConFormando a Ciencia’ é o título das xornadas que a Unidade de Muller e Ciencia de Galicia e a Facultade de Matemáticas organizan en decembro dirixidas a docentes de Ensino Medio, persoal docente e investigador da USC e estudantes de Matemáticas, Física, Bioloxía, Química, Enxeñarías Química e Técnica de Informática de Sistemas e Educación Social. O prazo para inscribirse remata este xoves 27.
As xornadas están organizadas polas profesoras da USC Josefina Ling Ling, membro do Proxecto ‘Ela é unha Astrónoma’ do Ano Internacional da Astronomía 2009; M. Elena Vázquez Abal, da Comisión Mujeres y matemáticas da Real Sociedad Matemática Española; e M. Elena Vázquez Cendón, presidenta da Comisión de Educación e Promoción Científica da Unidade de Muller e Ciencia de Galicia.
Dado o seu carácter variado, serán catro as sedes. Na tarde do 1 de decembro terá lugar no Museo Pedagóxico de Galicia a inauguración e a presentación da exposición ‘A muller: innovadora na ciencia’. Xa o xoves 11 na Facultade de Matemáticas a profesora Josefina Ling presentará o proxecto ‘Ela é unha astrónoma’ e a continuación haberá unha visita guiada ao Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC.
Este evento científico rematará o xoves 11 no IES Rosalía de Castro coa presentación de experiencias de Mulleres que ConForman Ciencia desenvoltas en centros de ensino medio e en universidades galegas. Participan nesta sesión, entre outras, a estudante de Bioloxía Sara Bernárdez Noya, primeiro premio na área de Ciencias da Terra e da Vida no ‘Certame de Novos Investigadores 2008’, e a licenciada en Matemáticas e estudante do master de Enxeñaría matemática Ana Gómez González, gañadora da Olimpíada de Matemáticas en 2003. Como colofón, presentaranse os obradoiros sobre mulleres matemáticas na historia e no teatro, cunha pequena representación dun fragmento da obra ‘Voces desde el pozo’ dedicada á matemática e astrónoma Carolina Herschel.
Recoñecemento para os asistentesO persoal docente e investigador que asista ás xornadas terá recoñecemento dentro do Plano de Formación e Innovación Docente da USC e o alumnado contará tamén con créditos de libre configuración.

The contents of this page were updated on 11.25.2008.