Skip to main content

A ETSE acolleu una competición de robots móbiles

Para moverse, os equipos unicamente dispoñían da información sensorial que percibe o robot

A Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC (ETSE) converteuse este luns, día 3, no escenario dunha competición na que os equipos participantes tiveron que guiar un robot móbil Pioneer 3DX por un circuíto delimitado con balados. Gañaba o equipo que percorrera a maior distancia nun tempo máximo de tres minutos. A competición trasladarase os días 10 e 17 de novembro aos IES Escolas Proval de Nigrán e ao de Rodeira en Cangas.
Esta iniciativa, enmarcada no ciclo de actividades Diverciencia e dirixida principalmente a estudantes do centro, mostrou aos asistentes algúns dos fundamentos tecnolóxicos e de computación avanzada da robótica móbil de xeito divertido e competitivo empregando un robot móbil real.
A competición estivo precedida dunha presentación divulgativa e dunha demostración práctica coa que os asistentes aprenderon as bases tecnolóxicas do guiado dun robot móbil real, con especial atención aos elementos que axudan a guiar o robot e que neste caso supoñen a utilización de sensores láser e de ultrasóns así como de intelixencia artificial.
A presentación permitiu dar conta do que é a robótica móbil, cómo funciona e algúns dos seus usos mais coñecidos na exploración espacial, axuda a discapacitados, realización de tarefas perigosas ou como entretemento. Segundo explicaron os responsables da iniciativa, aínda que os avances neste eido son constantes que un robot realice as tarefas máis básica como moverse, cruzar unha porta ou ir a un lugar predeterminado evitando colisionar, é un proceso complexo.
A gymcanaA gimcana consistiu nunha competición deportiva na que cada un dos equipos, seleccionados de entre os asistentes que fixeron preguntas na presentación, tiña que percorrer un circuíto evitando colisións coas paredes.
Os equipos unicamente podían ver exactamente o mesmo que percibía o robot (a información sensorial de que dispón), a través dos seus sensores láser e guiándoo cun joystick wifi polo circuíto. As aplicacións informáticas que permiten guiar o robot están todas desenvolvidas con software libre e son accesible baixo licenza open source.
O Equipo de Robótica MóbilEsta actividade está organizada polo equipo de robótica móbil do Grupo de Sistemas Intelixentes da USC (GSI) e conta co copatrocinio da Dirección Xeral de I+D a través do programa Diverciencia. Á súa vez, o GSI está formado por case trinta investigadores do ámbito da intelixencia artificial e a súas aplicacións, con proxectos en diversos temas, coma a monitorización intelixente, a computación flexible, a enxeñaría do coñecemento, aprendizaxe automática, a intelixencia de negocio ou as redes sociais e sistemas de recomendación.
Estes proxectos téñense aplicado na diagnose en doentes, a supervisión e control de sistemas industriais, os sistemas de apoio ao e-learning, as tecnoloxías da Web (Web 2.0 e Web semántica) e robótica móbil.

The contents of this page were updated on 11.03.2008.