Skip to main content

A ministra de Ciencia e Innovación inaugurou na USC o I Emporium Woman Emprende

Os principais axentes que traballan no emprendemento feminino universitario en España reúnense dende hoxe na USC no I Emporium Woman Emprende 2008 que hoxe inaugurou no Colexio de Fonseca a ministra de Ciencia e Innovación, Cristina Garmendia, acompañada do reitor da USC, Senén Barro, e da conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón.
Esta é a primeira vez que a ministra asiste a un foro sobre emprendemento feminino universitario, segundo explicou nun encontro cos medios no que subliñou un “dato importante” como é que en 2007 un terzo das empresas emprendidas o foron por mulleres. Para Garmendia encontros como este son de gran relevancia en tanto que a actividade emprendedora das universidades é un “factor crítico para a evolución do noso país”.
Pola súa banda, e como manifestou no acto inaugural, ser a máis emprendedora entre as universidades históricas é para o reitor Senén Barro “o noso empeño”, continuando coa liña xa iniciada por esta institución que creou hai case unha década Uninova, a primeira incubadora de empresas posta en marcha por unha universidade española. Precisamente accións como esa poñen de relevo, afirmou a conselleira, o cambio actual que se está a vivir no eido académico cara a unha “aposta decidida pola I+D+i”.
Rede Woman EmprendeAo longo da última década, desde a USC creáronse unha serie de estruturas e desenvolvéronse actividades de relevancia no ámbito da creación de empresas de orixe universitaria. Así, creouse Woman Emprende para dar un impulso e apoiar ás mulleres emprendedoras da comunidade universitaria. É precisamente dende esta estrutura que agora bota a andar a Rede Woman Emprende como foro de encontro estatal para potenciar a participación da muller no emprendemento universitario español e europeo.
Esta rede presentouse na primeira das sesións do Emporium que xirou en torno aos programas pioneiros no emprendemento feminino e no que interviñeron expertos das Universidades Politécnicas de Cataluña e de Valencia e da propia USC. Tamén previo á inauguración desenvolveuse outra sesión na que participaron mulleres referentes en emprendemento feminino na Universidade española. En concreto, Tatiana López, da spin-off da USC Nanogap sub-nm-powder; Sara Otero, de Radiantis, S.L., spin-off da Politécnica de Cataluña; e María José Paloma, de Titania, xurdida na Politécnica de Valencia.
Na xornada da tarde abordarase a conciliación da vida laboral, persoal e familiar nas spin-offs universitarias dado que é frecuente que este tipo de empresas estean promovidas por xente nova, con proxectos persoais e profesionais ao mesmo tempo. Rematarase cun panel sobre emprendemento feminino en Europa e América no que participarán Mary Spaeth, presidenta de Transmera AB en Linköping (Suecia); Bev Hurley, xefa executiva de Enterprising Women Project do centro de Innovación St John's de Cambridge (Reino Unido); e Olga Pizarro, directora do Centro de Estudos Empresariais para a Muller da Universidade do Desenvolvemento de Chile.
Xornada do venresAs mulleres á fronte das Universidades será a cuestión que se aborde este venres nunha primeira sesión na que participarán as reitoras das Universidades de Málaga, Illes Balears, Girona e Sao Paulo. A continuación, terá lugar a última das mesas de debate sobre sistema financeiro e responsabilidade social na que se aproveitará para presentar o Fondo Woman Emprende de Capital-Riesgo para iniciativas empresariais promovidas por mulleres.
O encontro clausurarase ás 13:30 horas nun acto ao que asisten a secretaria xeral da Igualdade, Carme Adán; o director xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, Salustiano Mato; o director xeral de Promoción do Emprego, Álvaro Ansias; o responsable do Programa Uniemprende, Carlos Hernández; e Eva López Barrio, de Woman Emprende.

The contents of this page were updated on 10.23.2008.