Skip to main content

Investigadores das universidades de Barcelona, Valencia, Santiago e da Cooperativa de Ensino Superior e Politécnico Universitario de Portugal estudan no CEA vías de colaboración

Investigadores de grupos relacionados con áreas de Ciencias da Saúde das universidades de Barcelona, Valencia e Santiago xunto con representantes da Cooperativa de Ensino Superior e Politécnico Universitario de Portugal (CESPU) celebrarán este venres 24 na USC unha xuntanza para estudar posibles vías de colaboración en materia de docencia e investigación.
O obxectivo da xuntanza é analizar a posibilidade de crear un Agrupamento de Interese Económico Europeo que se encargaría de realizar unha oferta conxunta de produto educativo de alto valor engadido e de investigación baixo contrato con institucións públicas ou privadas, contando co apoio financeiro da UE.
A primeira das sesións de traballo comezará ás 10:00 horas no Centro de Estudos Avanzados da USC, contando coa presenza por parte da USC dos profesores Manuel Freire-Garabal, Carlos Hernández Sande, Ángel Carracedo, Luis Botana, Mª Amparo Alfonso e Félix Vidal, este último en calidade de director do CEA. Xunto a eles estarán presentes ademais representantes das universidades de Barcelona e Valencia, de CESPU e dos seus centros de Investigación e Desenvolvemento e de Investigación en Biodiversidade, así como da Universidade de Cluj de Romanía, do concello portugués de Penafiel e do Centro Hospitalario Tamega e Sousa, igualmente de Portugal.
Esta xuntanza permitirá unha primeira toma de contacto dos participantes respecto das posibilidades de desenvolver proxectos conxuntos no futuro. Dende o punto de vista da investigación, os investigadores presentes están a traballar na actualidade en temas relacionados con xenética, medicina molecular, esterilidade ou aplicacións terapéuticas das toxinas mariñas, entre outras.

The contents of this page were updated on 10.23.2008.