Skip to main content

A artista brasileira Christina Oiticica desenterrou parte da súa obra no patio da Facultade de Xeografía e Historia

A artista brasileira Christina Oiticica desenvolve un proxecto de ‘land art’ que se poderá visitar en maio de 2009 na Igrexa da Universidade baixo o título 'Camiño Peregrino'
A artista brasileira Christina Oiticica desenvolve un proxecto de ‘land art’ que se poderá visitar en maio de 2009 na Igrexa da Universidade baixo o título 'Camiño Peregrino'
A intervención forma parte dunha mostra de 'land art' que se poderá visitar en maio de 2009 en Santiago

A artista brasileira Christina Oiticica (Rio de Janeiro en 1951) volveu a Compostela este mércores para desenterrar a obra que en xuño deste ano ocultou no patio da Facultade de Xeografía e Historia como parte dun proxecto de ‘land art’ que se poderá visitar en maio de 2009 na Igrexa da Universidade baixo o título Camiño Peregrino, unhaprodución conxunta da Vicerreitoría de Cultura da USC e a Fundación Via Galego. Acompañaron á pintora o vicerreitor Elías Torres e o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón.
Christina Oiticia, muller do escritor Paulo Coelho, é pioneira en aplicar unha particular técnica nas súas obras, combinando land art e pintura. Así foi como no mes de xuño improvisou unha obra con imprimacións de pinturas e pos “en cores azul e amarelo, as cores do Camiño” sobre unha placa de cobre que logo estampou sobre un lenzo.
“Pretendo que a enerxía da natureza interveña no traballo e o modifique como a ela máis lle conveña”, afirmou na súa primeira visita a Santiago, ao tempo que compartía a “grande emoción” que sinte cando desenterra as obras. “Ás veces, polo efecto da propia natureza, non aparecen”, comentou.
O de hoxe é o primeiro metal que desenterra e no que observou unha boa conservación das cores, “que ten que ver coa humidade da terra”. Agora, unha vez recupere todas as obras, terá que tratalas cun conservante e moldurar.
A estas dúas obras sumaranse en maio de 2009 as 120 restantes que Christina Oiticica realizou en ruta polo Camiño de Santiago durante dous anos, entre elas unha placa e dous lenzos no Monte do Gozo.
Christina OiticiaFormada na Escola de Belas Artes e no Museo de Arte Moderna de Río de Janeiro, Oiticica completou a súa formación na Facultade de Arquitectura Bennett da mesma cidade e no Círculo de Belas Artes de Madrid. A autora comezou a expoñer tanto de xeito individual como colectivo en 1984.

The contents of this page were updated on 11.05.2008.