Skip to main content

O Centro de Documentación Europea asiste en Bruxelas a unha xuntanza da Dirección Xeral do Mercado Interior da Comisión Europea

O Centro de Documentación Europea da USC (CDE) asiste convidado este xoves en Bruxelas a unha xuntanza da Dirección Xeral de Mercado Interior da Comisión Europea para analizar o contido de determinados servizos financeiros que hoxe en día se ofrecen en Galicia, España e Europa e que están orientados aos cidadáns de máis idade.
No encontro tamén e darán cita representantes da Comisión Europea, de institucións financeiras, de asociacións de consumidores, da Coalición Europea de Crédito Responsable, do Instituto de Servizos Financeiros, e membros doutras Universidades europeas e organizacións, a través dos seus técnicos, servizos xurídicos e profesores.
Algúns destes servizos financeiros ofrécense en España como complemento ás pensións públicas e esixen a aplicación de políticas informativas específicas. A Comisión Europea e o Grupo de Expertos da DG MARKT estudan a posibilidade de eliminar barreiras para a súa comercialización a través da aprobación dunha regulamentación específica. Nese eido está a facer consultas con organizacións diversas.
Entre os obxectivos do CDE, como servizo da USC aberto á sociedade galega, está o de dar pulo aos estudos, seminarios, cursos, traballos e análises sobre as actividades da UE. Asemade procura promover vínculos e achegarse a outras organizacións europeas que traballan no mesmo ou en eidos complementarios.

The contents of this page were updated on 11.06.2008.