Skip to main content

Un grupo de quince profesionais procedentes de Brasil, primeiros alumnos do Curso de Lingua e Camiño de Santiago

É unha iniciativa promovida por Cursos Internacionais da USC en colaboración coa Dirección Xeral de Turismo e o Xacobeo

Un grupo de quince alumnos procedentes do Brasil, na súa meirande parte de Río de Xaneiro e Porto Alegre, iniciaron este luns a programación do I Curso de Lingua e Camiño de Santiago, organizado por Cursos Internacionais da USC en colaboración coa Dirección Xeral de Turismo da Xunta de Galicia e o Xacobeo. A inauguración celebrouse no Salón de Graos da Facultade de Ciencias Políticas coa presenza do vicerreitor de Oferta Docente e Espazo Europeo de Educación Superior, Máximo Pló, a xerente de Cursos Internacionais, Lanzada Calatayud, e o coordinador do curso, o profesor José M. Andrade Cernadas, que estiveron acompañados polos docentes da USC que impartirán as clases.
Os quince alumnos inscritos, cunha media de idade de 55 anos, proveñen de diferentes eidos profesionais, entre os que se atopan cirurxáns, profesores universitarios, enxeñeiros, mestres, escritores e mesmo unha das responsables do festival Rock in Río. Todos eles están vinculados a asociacións brasileiras do Camiño de Santiago ademais de ter sido peregrinos a Compostela.
O programa académico desenvolverase ata o 24 do presente mes. Durante as dúas primeiras semanas os participantes asistirán na propia Universidade a clases de lingua e a seminarios sobre o Camiño de Santiago, co obxectivo de achegarse á historia e realidade desta ruta milenaria dende puntos de vista tan variados como o histórico, o artístico, o gastronómico e o cultural. Polas tardes realizarán visitas guiadas á Catedral, á cidade histórica e ao Patrimonio da USC, ademais de realizar un percorrido gastronómico ou participar en tertulias con xornalistas e escritores, entre outras.
Durante a última semana, os participantes poderán levar a práctica os seus coñecementos sobre o Camiño, percorrendo xunto cun profesor da USC o tramo do Camiño Francés que parte desde o Cebreiro. Culminará o curso coa chegada dos participantes a Praza do Obradoiro.

The contents of this page were updated on 10.06.2008.