Os custes ecolóxicos do modelo actual de vida trátanse nun seminario da USC
O concepto de ‘pegada ecolóxica’ representa os custes ecolóxicos dun determinado modelo de vida. Co fin de debater sobre o actual, o Plan de Desenvolvemento Sostible, dependente da Vicerreitoría de Calidade e Planificación, organiza un seminario a desenvolver este xoves, ás 19:00 horas, na Escola Técnica Superior de Enxeñaría. A mesma sesión repetirase o venres, día 24, ás 18:00 horas na Escola Universitaria de Formación do Profesorado de Lugo.
Os dous seminarios enmárcanse dentro dun programa de actividades que ten como eixe central unha exposición sobre a pegada ecolóxica a inaugurar durante a vindeira semana no Campus de Lugo. O programa conta coa colaboración da Sociedade Galega de Educación Ambiental e a Federación Ecoloxista Galega.
En total, celebraranse un total de catro seminarios en cada campus que, ademais de analizar a pegada ecolóxica, servirán para abordar os hábitos de consumo e alimentación, o transporte e a mobilidade ou a débeda ecolóxica. Ao remate das sesións formativas, os bolseiros de Sostibilidade, Participación e Integración Universitaria organizarán unha actividade para transmitir dun xeito ameno e práctico algúns dos conceptos teóricos aprendidos ao longo dos seminarios.