Skip to main content

O programa Actívate chega este xoves ao Campus de Lugo

Estarán durante toda a mañá no Aulario da Facultade de Veterinaria

O programa ‘Actívate, semana do deporte e a saúde na Universidade’ chega este xoves 16 a Lugo da man da Vicerreitoría de Cultura da USC co obxectivo de difundir os beneficios da actividade física saudable no eido universitario mediante actividades de sensibilización como cuestionarios sobre a actual condición física.
Organizado pola Dirección Xeral para o Deporte en colaboración coas tres universidades galegas, ‘Actívate’ cumprirá coa expectativa de difundir, orientar e potenciar a práctica deportiva saudable nos sete campus de Galicia. En Lugo estará o xoves, entre as 10:00 e as 14:00 horas, no Aulario da Facultade de Veterinaria.
Membros da Fundación USC Deportiva serán os encargados de realizar un sinxelo test de condición física saudable, composto de oito probas, para coñecer o estado da persoa. Os resultados obtidos serán avaliados polo grupo de profesionais ofrecéndolle ao interesado consellos sobre a súa práctica deportiva tendo en conta os intereses e necesidades. Ademais, informarase tamén das actividades que se realizan durante todo o ano no Campus de Lugo e que son de libre acceso para a comunidade universitaria.
O programa foi presentado este mércores en Lugo polo delegado provincial da Consellaría de Cultura, Xoán Xosé Molina, e o coordinador de Planificación Deportiva da USC, Xosé Luis Veiga, que estivo acompañado polo responsable en Lugo, Xesús Castro.

The contents of this page were updated on 10.15.2008.