Skip to main content

As I Xornadas Galegas de Historia da Veterinaria reúnen en Santiago e Lugo esta fin de semana a profesionais españois e hispanoamericanos

O Consello Galego de Colexios Veterinarios, en colaboración coa USC, celebrará esta fin de semana entre Santiago e Lugo as I Xornadas Galegas de Historia da Veterinaria, que coinciden co XIV Congreso Nacional e o V Hispanoamericano de Historia da Veterinaria. Estas xornadas reunirán por primeira vez en Galicia a unha gran parte dos membros destas institucións aos que se suman a participación doutros 80 profesionais.
As xornadas darán comezo este venres 10 no Museo do Pobo Galego, ás 9:30 horas, coa presenza da decana da Facultade Veterinaria, Ana María Bravo. A conferencia inaugural impartiraa o profesor de Prehistoria da USC José Manuel Vázquez Varela que falará sobre ‘Etnoveterinaria galega. Importancia da recuperación antropolóxica da veterinaria tradicional’. Ás comunicacións orais sobre diferentes aspectos da historia do procedemento veterinaria seguiralle unha intervención sobre medicina veterinaria e santería cubana. A sesión do venres rematará ás 20:30 horas cunha recepción dos participantes no Colexio de Fonseca, onde coñecerán o programa Universidade Viva de visitas ao patrimonio da USC.
O programa do sábado, que se desenvolverá no Pazo do Hórreo, comezará coa conferencia do vicerreitor de Relacións Institucionais, o catedrático de Historia Contemporánea Lourenzo Fernández Prieto, que falará sobre ‘A veterinaria como motor da innovación agrogandeira galega e a figura de Juan Rof Codina’, ás 9:30 horas.
Tras unha nova sesión de comunicacións orais, os participantes serán recibidos no Parlamento de Galicia pola súa presidenta, Dolores Villarino, para facer unha homenaxe aos veterinarios Rof Codina e Cruz Gallastegui. A xornada concluirá tamén cunha visita guiada ao Pazo do Hórreo e á Antiga Escola de Veterinaria de Santiago.
As xornadas rematarán o domingo 12 en Lugo, na Facultade de Veterinaria, a onde se desprazarán dende primeira hora da mañá para celebrar unha mesa redonda sobre a importancia social e histórica da labor veterinaria e para a celebración da asemblea xeral ordinaria da Asociación Española de Historia Veterinaria.

The contents of this page were updated on 10.09.2008.