Santiago Catalán deseñará o edificio que ocupará a Aula de Produtos Lácteos cando se transforme en centro tecnolóxico
A proposta do arquitecto lucense Santiago Catalán foi a gañadora do concurso de adxudicación da redacción do proxecto construtivo e dirección de obra do Centro Tecnolóxico Lácteo de Galicia, que se resolveu o pasado xoves 9 de outubro cun custo de 400.000 euros.
Así o anunciaron o vicerreitor de Infraestruturas da USC, Xoán Carlos Carreira, e o conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, que destacaron que “se trata dun paso máis para a conversión da Aula de Produtos Lácteos nun centro tecnolóxico con maior capacidade e potencialidade”. O conselleiro avanzou tamén que a constitución formal do centro se efectivizará a finais do presente ano.
A proposta do novo edificio, que estará situado no parque científico e tecnolóxico das Gándaras, consiste nun edificio en forma de L en tres volumes con funcións diferentes e con patios axardinados que favorecen o alumeado interior. Dous volumes sitúanse no baixo andar, a área de investigación e a de difusión, e o terceiro volume acolle a área administrativa, ocupando o primeiro andar.
A superficie total é de 3.509 metros cadrados, que se reparten entre as seis área funcionais das que vai constar o Centro Tecnolóxico, a oficina de transferencia de resultados da investigación, administración, área de I+D+i, área de análise sensorial (para realizar mostras, catas e degustacións), área de analítica (para coñecer as características físico-químicas e microbiolóxicas dos alimentos) e a área de tecnoloxía agroalimentaria, a máis grande e importante, que incluirá catro liñas de fabricación para elaborar produtos lácteos (de tratamentos térmicos, queixería, produtos fermentados e evaporación e secado). Estas liñas terán unha tecnoloxía semellante á empregada nas industrias para que os resultados obtidos na investigación podan trasladarse ás empresas.
As previsións da Consellería de Innovación e Industria son que o edificio do novo Centro Tecnolóxico Lácteo de Galicia entre en funcionamento no prazo de dous anos. En tres meses e medio estará listo o proxecto de execución e a construción do edificio durará ano e medio. O orzamento total do centro ascende a 9,8 millóns de euros, dos que 5,62 corresponden á súa construción e 4,17 ao equipamento necesario.