Skip to main content

O reitor da USC intervén en Madrid no Programa de Alta Dirección de Universidades

A responsabilidade social corporativa na universidade foi o tema presentado este luns en Madrid polo reitor da USC, Senén Barro, nunha sesión do Programa de Alta Dirección de Universidades que imparten as universidades Nebrija, Politécnica de Madrid, Politécnica de Catalunya e a Conferencia de Reitores de Universidades Españolas (CRUE).
Este posgrao pretende desenvolver un programa de formación para o liderado e a dirección universitaria de alto valor académico así como ampliar o núcleo de debate da CRUE arredor dos instrumentos e os procesos de mellora da eficiencia das universidades.
Barro aludiu á responsabilidade social das universidades como a integración voluntaria no seu goberno, xestión e estratexia das preocupación sociais, laborais, medio ambientais e de respecto aos dereitos humanos que xorden da relación e o diálogo transparente cos seus grupos de interese, responsabilizándose así das consecuencias e os impactos que se derivan das súas accións.
Neste contexto referiuse particularmente á memoria sobre responsabilidade social que a USC elabora anualmente e na que se abordan diversas dimensións da institución, como a tecnolóxica, demográfica, económica, cultural, social, educativa, urbanística ou política. Así, Barro explicou que o documento articúlase ao redor de tres grandes eixes, os de compromiso ambiental, social e co desenvolvemento económico, subliñando que “todas as nosas iniciativas, proxectos, e actividades deben ser concibidas para facer tamén achegas ao seu desenvolvemento”.

The contents of this page were updated on 06.17.2008.