Astur-galaicos ou galaico-astures, cuestión a resolver nun congreso da USC
Un encontro da USC profunda na franxa étnico-cultural de contacto entre dúas rexións históricas, os astures e os galaicos. Organizado en colaboración coa Xunta de Galicia e a Fundación Aquae Querquennae-Via Nova, terá lugar en xullo na localidade ourensán de O Barco de Valdeorras. A inscrición ao evento, que é gratuíta, está aberta e deberá comunicarse á Catedra de Historia Antiga da Universidade de Santiago.
No transcurso da primeira xornada abordaranse as raíces prehistóricas, as linguas do noroeste peninsular á chegada de Roma ou a relación entre as etnias indíxenas e a administración romana na franxa de contacto galaico-astur. Como peche do día 10 realizarase unha saída polas canles das Médulas.
Na sesión seguinte, o encontro comezará coas fronteiras entre as dúas zonas ao longo da Idade Media e continuará con temas como a fixación dunha fronteira política, o galego oriental, os límites entre dominios lingüísticos ou a parentela entre grandes familias astures e galaicas.
Unha viaxe de estudo a Astorga, a Asturica Augusta Romana, porá fin o sábado 12 ao congreso promovido por Unión Fenosa e dirixido polo catedrático de Historia Antiga da USC, Antonio Rodríguez Comenero.
O Comité Científico contou co responsable do complexo arqueolóxico Aquis Querquennis, Santiago Ferrer, que actuou como secretario. Os asesores foron a profesora investigadora do CSIC, María Paz García, xunto co académico numerario da Real Academia de la Historia, Martín Almagro. O reitor da USC, Senén Barro; o director xeral de Turismo, Rubén Lois; e o vicepresidente de Unión Fenosa, Honorato López forman o Comité de Honra.