Skip to main content

Aberta a matrícula para unha nova edición dos Estudos de Especialización en Avogacía, Procuradoría e Práctica Xurídica

A Escola de Práctica Xurídica da USC mantén aberto o prazo de matrícula para a 24ª edición dos Estudos de Especialización en Avogacía, Procuradoría e Práctica Xurídica. A Escola compostelá é a única galega cuxos estudos teñen rango universitario, ademais de contar co aval dos colexios de avogados e de procuradores da cidade e dun elevado número de administracións públicas, entidades e institucións.
O programa destes estudos de especialización está destinado a licenciados en Dereito, pasantes e alumnos con algunha materia pendente, e ten como obxectivos a formación práctica de profesionais altamente capacitados para o exercicio da profesión, proporcionar contactos profesionais proveitosos que faciliten a súa inserción no mercado laboral, así como unha primeira experiencia profesional.
A formación abrangue o adestramento en todas aquelas materias que un avogado ou procurador debe coñecer no exercicio do súa labor profesional. As clases, nas que se emprega unha metodoloxía práctica, son impartidas por un equipo de máis de 150 profesionais de recoñecido prestixio e experiencia entre os que figuran avogados, xuíces, fiscais, secretarios xudiciais, notarios, rexistradores, inspectores de facenda e de traballo, entre outros. A duración do curso é de 20 meses, ata xullo de 2010, cun total de 2.400 horas distribuídas en 900 horas de prácticas de aula e 1.500 de prácticas externas en asesorías xurídicas de administracións públicas, órganos xudiciais e despachos profesionais, visitas de traballo ou simulación de xuízos, entre outros.
Unha vez superados os Estudos, a Escola de Práctica Xurídica expide o correspondente título propio da USC avalado polos colexios de avogados e de procuradores de Santiago, e un Certificado de Aptitude Profesional expedido polo Consello Xeral da Avogacía Española e o Consello da Avogacía de Galicia. Ademais, a súa realización supón un mérito preferente para o acceso á quenda de oficio dos colexios de avogados de Galicia, e facilita a incorporación o mercado laboral a través das ofertas de traballo que canaliza a propia Escola e do recoñecemento que despachos, empresas e outros empregadores outorgan a formación impartida polo centro.

The contents of this page were updated on 06.02.2008.