Skip to main content

O Departamento de Filoloxía Inglesa lembra a figura académica e humana da profesora Cristina Blanco coa presentación do libro Al amparo de la palabra

O libro preséntase este xoves na Facultade de Filoloxía

O Departamento de Filoloxía Inglesa renderá homenaxe á que fora profesora da USC, Cristina Blanco Outón (1964-2004), cun acto no que se presentará o libro Al amparo de la palabra no que se reúnen relatos representativos das inquedanzas creativas de Cristina Blanco así como unha escolla que dá fe da súa brillante traxectoria como investigadora.
O acto de presentación do volume, este xoves 5 no Salón de Graos da Facultade de Filoloxía, presidirao o vicerreitor de Cultura, Elias Torres, e contará ademais coa presenza do decano da Facultade, Ernesto González Seoane; do director do Departamento de Filoloxía Inglesa, Manuel Barbeito Varela; o director académico do Servizo de Publicacións, Antonio Azaustre; e as editoras do volume, as profesoras Margarita Estévez Saá, Mª Dolores Gómez Penas e Manuela Palacios González. No mesmo acto, entregaráselles aos pais de Cristina Blanco un volume especial da obra encadernado en pel.
Finada en Santiago de Compostela en 2004, Cristina Blanco distinguiuse tanto pola calidade da súa docencia como polo rigor da súa investigación. O seu compromiso coa institución na que se formou e na que levou a cabo o seu labor académico compaxinouno cunha destacada actividade en medios de comunicación plasmando as súas inquedanzas sociais e artísticas en forma de relatos, artigos de opinión e entrevistas a mulleres representativas da sociedade galega.

The contents of this page were updated on 06.04.2008.