Skip to main content

O Campus de Verán de Noia acolle tres cursos sobre gas radón, memoria histórica e mediación para a solución de conflitos

O radón, a memoria histórica e a mediación para a solución de conflitos serán os eixos temáticos de tres cursos da USC no Campus de Verán en Noia que se presentaron este xoves na vila coruñesa. No acto participaron o vicerreitor de Cultura, Elias Torres, e o alcalde de Noia, Rafael García Guerrero.
Á presentación tamén asistiron os seus directores. Así, Xoán Miguel Barros e Joaquín Peón falou do curso 'Actualización do gas radon como factor de risco ambiental para a saúde humana: implicacións das administracións, dos profesionais e dos cidadáns'. Pola súa banda, Aurora Marco explicou os detalles do curso 'Antón Avilés de Taramancos e a memoria histórica', mentres que Raquel Castillejo e Milagros Otero fixeron o propio con 'A mediación como mecanismo de solución de conflitos: a convivencia social'.
Gas radónRevisar o papel radiactivo do gas radón e esclarecer a importancia da exposición ambiental considerada de alto risco polo Consello de Seguridade Nuclear son os obxectivos principais das sesións académicas coordinadas por Xoán Miguel Barros e Joaquín Peón. Nelas tamén se achegarán os últimos resultados das investigacións do Grupo de Radon de Galiza (USC), acerca da relación entre o gas e o cancro de pulmón, así como os Mapas Comarcais de Radón xa finalizados.
Asemade, mostraranse as normativas e medidas existentes nos países con lexislación sobre o gas e as posibles adecuacións en España e Galicia ás recomendacións das axencias internacionais. As clases, do 14 ao 18 de xullo, pretenden ser un avance dun futuro curso de especialista da USC dirixido a titulados medios e superiores nas disciplinas implicadas no problema do radón.
Avilés de Taramancos e Memoria HistóricaAs xornadas do 4 ao 6 de setembro, dirixidas por Aurora Marco, achegarán a traxectoria vital de Avilés de Taramancos (1935-1992) que se desenvolve nun marco espazo-temporal que o leva de Galicia a Colombia, xunto coas circunstancias socio-políticas do tempo en que viviu, marcadas pola sublevación militar do 36, o franquismo e a estadía colombiana ata chegar á democracia.
Os obxectivos fundamentais do curso xiran en torno das diferentes etapas do poeta, inseridas no contexto histórico da xeración da guerra e do franquismo e nos vinte anos en Colombia.
Mediación para a solución de conflitos
O curso 'A mediación como mecanismo de solución de conflitos: a convivencia social' facilitará mecanismos alternativos ao proceso xudicial para resolver problemas. Para isto, divulgarase a mediación entre familias, matrimonios, parellas, educadores, alumnos, pais e nais, empresarios, sindicatos e veciños de calquera comunidade.
En definitiva, as clases, que serán do 17 ao 19 de setembro, buscan dar a coñecer á sociedade mecanismos máis rápidos, baratos e con mellores resultados para solucionar conflitos sociais.

The contents of this page were updated on 06.05.2008.