Skip to main content

Expertos de todo o mundo asisten na Toxa á III Conferencia Internacional sobre probas duras nas colisións nucleares de alta enerxía

No encontro realizaranse predicións que serán verificadas no novo acelerador europeo de Xenebra

Preto de douscentos especialistas de 29 países dos cinco continentes reuniranse a partir do luns 9 na Toxa (Pontevedra) na III Conferencia Internacional sobre probas duras nas colisións nucleares de alta enerxía, nun encontro organizado polos profesores Néstor Armesto, Elena Ferreiro, Carlos Pajares e C. Salgado, do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías da USC.
No congreso debateranse as propiedades da materia de moi alta densidade formada mediante as colisións entre núcleos atómicos a moi altas enerxías que previamente son acelerados. Esta materia é moi similar á que se cre se orixinou nos primeiros instantes do Universo, polo que as investigacións poden revelar claves esenciais sobre como os constituíntes fundamentais da materia, os quarks e gluóns, se agruparon para formar primeiro as diversas partículas (protóns, neutróns,…) e de aí o resto da materia.
O encontro permitirá pór a punto as predicións realizadas para poder verificalas nos experimentos que comezarán nos vindeiros meses no novo acelerador europeo de Xenebra, que cun perímetro de 27 quilómetros posibilitará escrutar ata tempos máis próximos á dezmilésima de segundo do Big-Bang, experimentos nos que a USC participa activamente.
O congreso conta co apoio do Ministerio de Ciencia e Innovación así como da Xunta de Galicia a través da Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria.

The contents of this page were updated on 06.06.2008.