Skip to main content

A Sociedade História da Independencia de Portugal premia unha monografía da profesora Mª Isabel Morán

O libro de Isabel Morán e Jose Eduardo Franco leva por título 'O Padre António Vieira e as Mulheres. O mito barroco do universo feminino'
O libro de Isabel Morán e Jose Eduardo Franco leva por título 'O Padre António Vieira e as Mulheres. O mito barroco do universo feminino'

A profesora de Literatura Portuguesa da USC Mª Isabel Morán Cabanas e o historiador portugués da Universidade de Lisboa José Eduardo Franco acaban de conseguir por unanimidade o premio á mellor monografía 2008 instituído pola Sociedade História da Independencia de Portugal. O premio, que anualmente recoñece unha monografía sobre un tema específico, dedicábase nesta edición a Padre António Vieira, coa finalidade de conmemorar os 400 anos do nacemento do escritor.
O libro dos investigadores, publicado co título O Padre António Vieira e as Mulheres. O mito barroco do universo feminino (Campo das Letras: Porto, 2008), propón unha viaxe ao universo do barroco ibérico para observar criticamente as representacións contrastantes e estereotipadas da muler, conforme ao paradigma mariano ou eviano. Abórdase unha época cultural que é punto de chegada da grande construción occidental do mito da muller e onde se mesturan mais que nunca os ámbitos profano e sagrado, analizando especialmente o discurso deste orador portugués e doutros moitos autores coetáneos. Préstase ademais particular atención nesta obra á imaxe da muller na produción dos artistas plásticos de todo o século XVII, que reproducen e reelaboran a herdanza cultural e mental de períodos anteriores.
O autor do prefacio, o profesor de Estudos Portugueses da Universidade de Oxford Tom Earle, subliña que “o espírito racional e científico do libro é en si mesmo unha resposta digna á extravagancia e á violencia da época barroca”. O contido do libro constitúe deste xeito un documento importante para a Historia das Mentalidades. Deténdose pormenorizadamente na análise da visión androcéntrica da época en cinco grandes capítulos, recolle a longa lista de “vicios” que lle foron atribuídos á muller así como o ataque a aquelas que ousaban tomar certas liberdades.
Os autores seleccionan e comentan algúns pasos da oratoria de Padre António Vieira que resultan particularmente significativos neste sentido, como “Quantas vezes a mulher faz um voto para cumprir na igreja e acaba por encontrar um devoto”, ou “Os juízes não admitem as mulheres quando acusam o seu marido de adultério, dizem os juízes que não as admitem porque (…) vendem a suspeita por coisa certa”, ou aínda “O edifício não se move do lugar onde o puseram; e assim deve ser a mulher; tão amiga de estar em casa, como se a mulher e a casa foram a mesma coisa”.

The contents of this page were updated on 06.11.2008.