Skip to main content

A primeira promoción do Máster de Medicina Oral, Cirurxía e Implantoloxía da USC celebrou o seu décimo aniversario

No mesmo acto, presidido polo vecerreitor, Máximo Pló, clausurouse ademais o curso da undécima promoción

O Máster de Medicina Oral, Cirurxía e Implantoloxía, que dirixen os profesores José Manuel Gándara Rey e Abel García García, impártese ininterrompidamente na Universidade de Santiago de Compostela, dende o ano 1995, cunha duración de tres anos académicos en cada unha das edicións.

Aproveitando a clausura, o sábado, día 14, das actividades da undécima promoción na que participaron, a Universidade quixo celebrar tamén o décimo aniversario dos que hai trece anos decidiron cursar este posgrao que lles permitiu desenvolver a súa tarefa profesional neste campo. Son en total 29 profesionais e todos eles exercendo a actividade para a que se formaron.As actividades de celebración comezaron xa o venres cun curso sobre "Rexeneración ósea guiada", a cargo do profesor Jordi Gargallo, da Universidade de Barcelona. Este curso desenvolveuse ao longo de todo o día, pola maña, en sesión teórica e pola tarde, en sesión práctica, cun taller de rexeneración ósea inibsa e outro de rexeneración de mandíbula de porco, centrado na rexeneración ósea desa cavidade no bordo dos maxilares, onde se insiren os dentes.Os actos conmemorativos, presididos polo vicerreitor de Oferta Docente e Espazo Europeo de Educación Superior, Máximo Plo, deron comezo ás 11:00 horas, no Salón de Graos da Facultade de medicina e Odontoloxía, cunha conferencia do catedrático de Medicina Oral da Facultade de Odontoloxía da Universidade do País Vasco, José Manuel Aguirre Urízar, titulada ‘¿Por que debemos facer unha historia clínica en Odontoloxía?’.Deseguido, ás 12:00 horas, fíxose a clausura da XIª Promoción do Máster (2005-2008), para continuar cos actos conmemorativos do X aniversario da primeira promoción, que cursou o posgrao entre 1995 e 1998. No acto participaron tamén a vicedecana de Medicina e Odontoloxía, María Jesús Mora Bermúdez, os directores Gándara Rey e García García e un nutrido grupo de profesores, familiares e amigos dos titulados. O padriño da promoción foi Pablo Madriña ee n nome dos profesores do Máster interveu a profesora de Odontoloxía Mercedes Gallas.

Este Máster de Medicina Oral, Cirurxía e Implantoloxía, dirixido a licenciados en Odontoloxía e especialistas en Estomatoloxía, ten un programa con 408 créditos e un reducido número de alumnos, tres por promoción. Entre os seus obxectivos está "a formación máis profunda dos odontólogos e estomatólogos en certos aspectos da súa actividade é unha necesidade social dentro desta área de coñecemento e polo tanto, unha actividade máis concreta na área de estomatoloxía dentro da facultade”. A actualización e a investigación nas técnicas de tratamento tanto médico como cirúrxico é outro obxectivo prioritario neste curso, xa que os promotores cren que "a universidade debe estar, e está, na vangarda neste aspecto e debe servir de canle para a súa difusión".

The contents of this page were updated on 06.13.2008.