Skip to main content

O catedrático da USC Felipe Casanueva, investido doutor honoris causa na Universidade polaca de Lodz

A Universidade de Lodz recoñécelle ao profesor Casanueva a súa decidida contribución ao desenvolvemento da endocrinoloxía e a nutrición
A Universidade de Lodz recoñécelle ao profesor Casanueva a súa decidida contribución ao desenvolvemento da endocrinoloxía e a nutrición

O catedrático de Medicina da USC, Felipe Casanueva, acaba de ser investido doutor honoris causa pola Universidade de Lodz (Polonia) en recoñecemento á súa decidida contribución ao desenvolvemento da endocrinoloxía e a nutrición, así como polo seu apoio ao avance da investigación na Facultade de Medicina polaca.
A concesión deste grao académico supón para o profesor Casanueva un novo recoñecemento a toda unha carreira médica, académica e investigadora iniciada agora hai máis de 30 anos e proxectada sempre cara a mellora da saúde pública dende todas as súas áreas de actividade, tanto no plano autonómico, como no nacional e no internacional.
Na actualidade, Felipe Casanueva simultanéa a súa faceta académica coa dirección científica do Centro de Investigación Biomédica en Rede-Fisiopatoloxía da Obesidade e a Nutrición (CIBERobn) e coa xefatura do Servizo de Endrocrinoloxía e Nutrición do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS).
A concesión do honoris causa vense sumar a outros destacados premios outorgados ao doutor Casanueva como o Nacional Rey Jaime I de Medicina Clínica, o Xunta de Galicia de Investigación, o José Varela de Montes á Investigación ou o Premio Internacional de Neuroendocrinoloxía Geoffrey Harris á súa traxectoria científica.
CIBERobnNo terreo da actividade investigadora, Felipe Casanueva dirixe o CIBERobn, un grupo de investigación de ámbito europeo con sede en Santiago de Compostela que ten como principal obxectivo promover, aunar e estabilizar accións de excelencia en I+D+i no ámbito das Ciencias da Saúde.
Creado en 2006, este centro de investigación integra 26 grupos de traballo nacionais de excelencia académica contrastada e centra o seu labor investigador no estudo da obesidade, a nutrición e o exercicio físico, así como da xenética da obesidade e os factores reguladores da homeostase do peso corporal. Outros ámbitos de estudo que abordan son o da dieta mediterránea e a prevención de alteracións metabólicas que poidan afectar á saúde no relativo ao sobrepeso e á obesidade.
LodzFundada en 1945, a Universidade de Lodz é un centro de formación de carácter público con capacidade para máis de 15.000 alumnos e preto de 350 docentes.

The contents of this page were updated on 06.13.2008.