O programa UNIEMPRENDE adhírese á Declaración Galega polo fomento da Responsabilidade Social na Empresa
O programa Uniemprende de creación de empresas da Universidade de Santiago de Compostela adheriuse á Declaración Galega polo fomento da Responsabilidade Social na Empresa: o compromiso coa igualdade e co benestar, unha iniciativa da Vicepresidencia de Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.
A Declaración ten como obxectivo definir as cuestións en materia de responsabilidade social corporativa como un dos elementos vertebradores da política social en Galicia e como un campo de avance prioritario nas actuacións do contorno empresarial galego, tanto público como galego.
Preténdese avanzar nunha estratexia global de promoción sinérxica orientada a materializar de forma efectiva, real e práctica un “compromiso colectivo na supresión das desigualdades sociais hoxe existentes”, así como a favor dun desenvolvemento social sostible, que implique ás empresas, ao seu persoal, ás administracións públicas, aos representantes sindicais e ao conxunto da sociedade, como principais actores impulsores da igualdade social.
A Declaración Galega polo fomento da responsabilidade social na empresa foi subscrita por máis de corenta entidades galegas, figurando organizacións sindicais e empresariais, colexios profesionais, cámaras de industria e comercio e organizacións representativas da sociedade civil.
O programa Uniemprende amplía así o seu compromiso coa responsabilidade social corporativa, iniciado no ano 2004 coa elaboración da súa primeira memoria de sustentabilidade e a obtención en 2007 da certificación na norma de xestión SA 8000.