Skip to main content

A Escola de Enfermaría de Lugo celebra o acto de graduación da súa XXVIII promoción

A Escola Universitaria de Enfermaría celebra este venres 20 o seu acto de graduación, no que recibirán a súa diplomatura un total de 76 alumnos, que estarán apadriñados pola concelleira de Servizos Xerais do Concello de Lugo, Luisa Zarzuela, e o deputado do Parlamento galego e anterior xerente do complexo hospitalario Xeral Calde, Miguel Ángel Fernández López.
O acto de graduación da que xa é a promoción número XXVIII celebrarase a partir das 18:00 horas no salón de actos da Facultade de Veterinaria, presidido pola vicerreitora adxunta de Infraestruturas e Servizos, Celia Besteiro. Asistirán tamén o director provincial del Sergas, José Luis Rodríguez López; o xerente do Hospital Xeral Calde, Francisco Martínez Otero; o vicepresidente do Colexio de Enfermaría, Alfredo Valín Méndez; o director e a secretaria de estudos da Escola de Enfermaría, José Luis Díaz López e Mª Rosa Fernández Doallo, e Ricardo Parada Mariñas, representando á Deputación.
A directora da Escola Galega de Administración Sanitaria, Berta Rivera Castiñeira, ofrecerá unha conferencia titulada ‘A formación como xeradora de innovación e coñecemento nas profesións sanitarias: a Escola Galega de Administración Sanitaria’.
Tras a entrega de insignias e a intervención das autoridades presentes no acto, clausurarase a celebración cun pequeno concerto a cargo da Coral do Hospital Xeral-Calde de Lugo.

The contents of this page were updated on 06.19.2008.