O primeiro congreso internacional sobre ensino/aprendizaxe do inglés reunirá en Filoloxía a máis de 200 expertos procedentes de todo o mundo
O primeiro congreso internacional sobre ensino/aprendizaxe do inglés (ICELTL1) congregará a vindeira semana na Facultade de Filoloxía da USC a máis de 200 expertos procedentes de universidades e centros de investigación de China, Xapón, Singapur, Nova Zelanda, India, Colombia, Estados Unidos, Tunicia, Arabia Saudita, Irán, Francia, Portugal, Reino Unido, Italia, Turquía, Alemaña e España.
O propósito do encontro é debater todos os temas de actualidade relativos ao ensino e aprendizaxe desta lingua nun tempo onde o inglés é considerado como lingua global ou franca e de cuxo coñecemento adoecen moitos españois, sobre todo en comparación co grao de competencia rexistrado noutros países europeos.
Abordaranse un gran variedade de temas, desde o ensino das catro destrezas, o papel das novas tecnoloxías, o ensino da gramática e o vocabulario ata cuestións referidas á investigación no campo da lingüística aplicada ao ensino do inglés.
A conferencia inaugural corresponderalle ao catedrático emérito da Universidade de Bangor (Gales) David Crystal, figura de primeira liña e de gran influencia no campo da Lingüística inglesa, autor de máis dun centenar de publicacións tales como O inglés como lingua global, Dicionario de Lingüística e Fonética, Enciclopedia da lingua inglesa ou A revolución da linguaxe. Entre os conferenciantes invitados tamén se atopan os profesores Jeremy Harmer, Eddie Williams, Amos Paran e o catedrático de Didáctica da Lingua e da Literatura, José Manuel Vez Jeremías, todos eles especialistas de grande prestixio no ensino do inglés.
As achegas dos relatores e conferenciantes agrúpanse en comunicacións, obradoiros e mesas redondas, entre as que se atopan unha na que se se fará unha diagnose do ensino do inglés en España.
O congreso organízao o grupo de investigación do Departamento de Filoloxía Inglesa da USC coordenado polo profesor Ignacio Palacios, director do Centro de linguas modernas, xunto cos profesores Mario Cal, Xabier Fernández Polo, Paloma Núñez Pertejo e Lidia Gómez García.