Skip to main content

USC e Tecnocom colaboran na promoción da sociedade do coñecemento entre os universitarios

Asinaron o primeiro protocolo específico para o desenvolvemento dun premio fin de carreira e dunha serie de bolsas de formación profesional

O reitor da USC, Senén Barro, e o director rexional para a zona noroeste da empresa Tecnocom, Telecomunicacións e Enerxía, Santiago Cárdenas Botas, acaban de asinar en San Xerome un convenio marco que rexerá as futuras colaboracións que conxuntamente decidan emprender. Ao acto asistiron ademais o director da Escola Técnica Superior de Enxeñaría, Juan Manuel Lema, e outros responsables do centro.
Con esta iniciativa pretenden traballar na promoción do desenvolvemento da sociedade do coñecemento a través dunha formación especializada nas Tecnoloxías da Información (TIN), estimulando ademais o avance da formación universitaria mediante a adopción das últimas innovacións neste sector, ao tempo que tentarán achegar a formación dos futuros profesionais universitarios ás necesidades do mercado potenciando así a súa empregabilidade.
Para acadar estes obxectivos cooperarán no deseño dos programas de titulacións de grao e posgrao no ámbito das TIN e realizarán accións conxuntas que fomenten o uso de novas tecnoloxías e metodoloxías de desenvolvemento de proxectos por parte dos universitarios. Neste senso, Tecnocom colaborará coa Aula Profesional da Escola Técnica Superior de Enxeñaría impartindo formación complementaria aos estudantes. A este respecto, a empresa estuda a posibilidade de crear unha Aula Tecnocom con obxectivos similares á anteriormente citada.
Por outra banda, e co fin de formar profesionais creativos e innovadores, Tecnocom colaborará coa USC na formación de formadores en elementos innovadores de interese educativo.
Premio e bolsas de prácticasNo mesmo acto, ambas as dúas partes asinaron o primeiro convenio específico para o desenvolvemento dunha serie de iniciativas conxuntas encamiñadas á promoción do uso das TIN no ámbito docente e de investigación universitaria. Así, acordaron a convocatoria do Premio ao mellor Proxecto Fin de Carreira dotado con 1.500 euros na titulación de Enxeñaría Técnica en Informática de Sistemas. Ademais, Tecnocom ofertará entre unha e dez bolsas de formación profesional de tres meses de duración para recén titulados da USC.

The contents of this page were updated on 09.08.2008.