Skip to main content

A Facultade de Veterinaria acolle ao longo desta fin de semana a novena edición de Inforensino

O reitor da USC, Senén Barro, pronuncia este venres 12 a conferencia inaugural da novena edición de Inforensino nun acto previsto para as 17:00 horas na Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo.
Barro presentará a intervención titulada ‘E-ducación superior’, na que apelará á necesidade de que as tecnoloxías da información e das comunicacións aparezan no proceso de ensino-aprendizaxe “de modo natural”. O reitor compostelán considera que a e-ducación deberían considerarse “indispensable nunha sociedade en rede”, na que o modelo e forma de adquisición e procesamento do coñecemento “debe estar menos baseado na linealidade discursiva do texto e máis nun modelo hipertextual”.
Deseguido, comezará unha serie de intervencións simultáneas, entre as que se atopa a do vicerreitor de Coordinación do Campus lugués Carlos Herrero, e nas que se dará conta das posibilidades das tecnoloxías da información e das comunicacións no mundo educativo, tanto dende o punto de vista curricular como metodolóxico. Nas xornadas, que se van estender ata o próximo domingo 14, participan preto de 50 profesores de toda Galicia. No transcurso do encontro anunciarase a próxima celebración en Lugo da I Lego League de Robótica.
As persoas interesadas poden acadar máis información sobre o desenvolvemento do programa na páxina web do encontro (http://www.inforensino.eu/).

The contents of this page were updated on 09.12.2008.