Skip to main content

Dislexia e enerxías renovables, novos cursos de verán que comezan este luns en Vilagarcía e Santiago

A Universidade de Santiago prosegue a vindeira semana co desenvolvemento dos seus cursos de verán de xeito que o luns se inaugurarán dous novos, ‘Dislexia: novos retos na súa intervención interdisciplinar’ en Vilagarcía de Arousa e ‘Obradoiro de Enerxías Renovables’ en Santiago.
DislexiaAta o 19 de setembro no Auditorio do Concello de Vilagarcía de Arousa, e dirixido por Paula Outón Oviedo, se desenvolverá o curso sobre os novos retos na intervención interdisciplinar da dislexia. A inauguración terá lugar o luns, día 15, ás 15:30 horas nun acto presidido polo vicerreitor de Cultura.
A continuación intervirá o profesor da Facultade de Ciencias da Educación da USC Andrés Suárez Yáñez co relatorio ‘Concepcións de ler e escribir, hoxe’, a quen lle seguirá a charla ‘A natureza da dislexia: mitos e realidades’ a cargo da docente da UNED María de Codés Martínez González. Rematará a xornada coa intervención de José Quintanal Díaz, profesor da Facultade de Educación da UNED e do Centro de Enseñanza Superior Don Bosco da Complutense de Madrid, titulada ‘Cara a unha explicación da dislexia: etioloxía’.
A explicación neurolóxica da dislexia, a súa caracterización psicolingüística, a avaliación psicopedagóxica, a importancia das técnicas de neuroimaxe no seu diagnóstico ou a recuperación educativa en dislexia serán cuestións a tratar nas seguintes xornadas.
Enerxías renovablesÁngeles López Agüera é a responsable do Obradoiro de Enerxías Renovables que se desenvolverá a vindeira semana na facultade compostelá de Física. O luns 15, logo da inauguración, os asistentes realizarán unha visita a Sotavento.
O resto do curso estruturarase en torno a sesións matinais con obradoiros sobre enerxía solar, eólica, da biomasa, xeotérmica, minihidráulica e eficiencia enerxética, para dedicar as tardes a visitar diversos lugares de interese como o Parque de Sergude, Sogama, Ezzaro (Ferroatlántica) e o Porto de Celeiro.

The contents of this page were updated on 09.12.2008.