Skip to main content

A USC e o CEIDA desenvolverán conxuntamente actividades de formación, investigación e asesoramento mutuo

O reitor da USC, Senén Barro Ameneiro, e o reitor da Universidade da Coruña en calidade de presidente do Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA), José María Barja, asinaron este venres 19 no castelo de Santa Cruz un convenio marco que vinculará ás dúas institucións durante un período de catro anos para o desenvolvemento de actividades conxuntas en materia de formación, investigación e asesoramento mutuo.
Desta forma, a USC e o CEIDA cooperarán na formación de educadores ambientais, na divulgación de investigacións sobre experiencias medio ambientais desenvolvidas polo CEIDA coas redes de centros e servizos de investigación dependentes da USC e crearán unha unidade de investigación a través do Grupo de Investigación en Pedagoxía Social e Educación Ambiental-SEPA. Ambas entidades cooperarán tamén na dirección de teses de doutoramento; no desenvolvemento conxunto de liñas editoriais e de publicacións e na representación internacional no ámbito educativo da lusofonía, entre outras.
Cada un dos proxectos ou programas de actuación que se desenvolvan no marco deste acordo será obxecto de convenios específicos, creándose ademais unha Comisión Mixta paritaria que estará integrada, por parte da USC, polo vicerreitor de Relacións Institucionais e un membro de SEPA; e polo director-xerente do CEIDA e o Responsable de Extensión Universitaria da UDC no CEIDA por parte da outra entidade asinante.

The contents of this page were updated on 09.19.2008.