Skip to main content

Inaugúrase este martes en Lugo a exposición sobre o legado de Fontán

Na mostra poderase ver unha reprodución da Carta Xeométrica de Galicia realizada polo catedrático en 1834

A Facultade de Veterinaria albergará este martes, día 2, ás 19:30 horas a inauguración da exposición 'Innovación e Territorio. O legado de Fontán ao século XXI', título dunha retrospectiva da vida e obra do catedrático galego da USC. Ao acto asisten o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero, acompañado do comisario da exposición, Ramón Chantada e membros da Fundación Domingo Fontán.
O material exposto permanecerá aberto ata o 30 de xaneiro de 2009 e permitirá dar a coñecer a traxectoria e a figura deste matemático e xeógrafo. Na mostra haberá unha copia da súa obra maxistral, a Carta Xeométrica de Galicia de 1834, primeiro mapa realizado en España con rigor científico mediante métodos matemáticos e feita para este fin pola Fundación Domingo Fontán, que a doa á USC.
Estruturada en varios apartados, a mostra amosa o territorio e a estrutura administrativa de Galicia desde o inicio da organización de España como Estado moderno ata a conveniencia de consideralo clave para a organización do territorio no século XXI. O mapa recolle máis de 6.000 topónimos de ríos, montes, poboacións, vales, parroquias e outros elementos. Domingo Fontán investiu dezasete anos da súa vida na realización do mapa de Galicia, obra que finalizou en 1834, despois de percorrer a pé e a cabalo toda Galicia.
Cumpre 174 anosO 1 de decembro de 1834 foi presentado en público en Madrid o mapa de Galicia elaborado por Domingo Fontán. Tivo 120 anos de vixencia e foi a base de coñecemento para elaborar o trazado de novas infraestruturas viarias, a división administrativa e outras actuacións. Só desde 1955 se dispón dunha cartografía máis moderna, fundamentada no mapa topográfico do Instituto Geográfico Nacional de España.
Fontán foi pioneiro na utilización do sistema métrico decimal, definido en 1799, que España implantou en 1849, e outros países con posterioridade (no Reino Unido só en 1975) e que hoxe é o máis usado. Tamén incorporou informacións que eran relativamente novas para a ciencia. A Universidade de Santiago reivindica a memoria de Domingo Fontán con esta exposición e máis outra que tivo lugar ao longo de todo o mes de novembro en Santiago, e coa convocatoria dun premio de investigación que honra a súa figura.

The contents of this page were updated on 12.01.2008.