Skip to main content

O profesor de Cirurxía Manuel Martínez gaña o III Premio de Relato Curto da Asociación de Antigos Alumnos e Amigos

Blanca Ana Roig e Mª Carmen Pardiñas, membros do xurado
Blanca Ana Roig e Mª Carmen Pardiñas, membros do xurado

O profesor de Cirurxía da Facultade de Medicina e xefe do Servizo de Anxioloxía e Cirurxía Vascular do CHUS, Manuel Martínez Pérez, resultou gañador do III Premio de Relato Curto que convoca a Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da USC (AAAAUSC).
‘Unha loucura de amor’, premiado por unanimidade, conta a historia de dúas rapazas compostelás (Libertad e Coralia) e da súa familia relacionada coa CNT. O nu da historia céntrase no amor truncado de Libertad, que xunto á posible deficiencia de Coralia as levaron a se transformar nas “dos Marías”, mesturando o autor –baixo o pseudónimo ‘Un antigo estudante compostelán’- no relato datos sobre a memoria histórica.
A dotación do premio é de 300 euros e unha figura da colección Alba de Gloria de Castelao realizada por Sargadelos.
O xurado, presidido pola profesora da Facultade de Filoloxía Blanca Ana Roig Rechou, decidiu designar como finalistas entre todos os traballos presentados, ademais do gañador, a ‘Ana despierta’, de Aurora, e ‘Al menos dos horas’, de Rolling Tobacco.
Este certame da AAAAUSC foi galardoado recentemente pola Federación de Asociacións de Antigos Alumnos e Amigos das Universidades Españolas co ‘Premio Alumni’ pola súa “aposta de carácter marcadamente cultural e vertebradora da necesaria unión entre Universidade e sociedade civil”.

The contents of this page were updated on 12.05.2008.