O inverno comezou este sábado
O sábado 22, ás 7:08 horas, deu comezo o inverno boreal, estación que se prolongará ata o 20 de marzo ás 6:48 horas co inicio da primavera, segundo informa o director do Observatorio Astronómico ‘Ramón María Aller’ da USC, José Ángel Docobo. A estación invernal no hemisferio norte é a de menor duración, con 88,99 días fronte aos 89,84 do outono, os 92,75 da primavera e os 93,66 do verán.
O seu inicio coincide co paso do Sol polo punto Capricornio da Eclíptica, producíndose nese intre a mínima declinación solar que ten como consecuencia o día máis curto do ano, cunha duración aproximada de 9 horas. Porén, as tardes xa comezaron a medrar dende o pasado día 8, mentres que as mañás seguiran minguando ata Reis debido a que a hora oficial está baseada no chamado Sol medio e non no Sol verdadeiro.
Fenómenos astronómicosEntre os fenómenos astronómicos mais destacados nos próximos tres meses, Docobo destaca a eclipse total de Lúa do 21 de febreiro así como a conxunción do planeta Marte coa Lúa na noite do vindeiro domingo 23 ao luns 24, co máximo achegamento entre ditos astros ás 3:00 e ás 5:00 horas da madrugada.
Pola súa banda, o 4 de xaneiro terá lugar o máximo da choiva de estrelas Cuadrántidas, e en torno ao 22 do mesmo mes Mercurio vai estar en boas condicións de poder ser observado despois do solpor. Xa o 7 de febreiro producirase unha eclipse solar anular que non será visible dende Europa.