Lugosocial organiza as Xornadas Transnacionais 'Muller, emprego e calidade social'
O colectivo Lugosocial organiza para os vindeiros días 26, 27 e 28 de setembro as Xornadas Trasnacionais ‘Muller, emprego e calidade social’, nas que diferentes relatores achegarán a situación social da muller no rural, a responsabilidade social corporativa ou as políticas de emprego feminino.
As sesións comezarán este mércores día 26, ás 11:00 horas na Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo, cunha reunión técnica dos socios do proxecto transnacional E-social face, á que asistirán a vicerreitora adxunta de Infraestruturas e Servizos, Celia Besteiro, e a concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez.
Esta reunión servirá para definir os requisitos e establecer un protocolo para obter o certificado de calidade social. A sesión da tarde dedicarase a debater as propostas para preparar unha guía de boas prácticas. Os participantes trasladaranse o xoves e o venres ao Centro de Empresas e Innovación de Lugo onde desenvolverán o traballo deses dous días.
A Agrupación de Desenvolvemento Lugosocial está formada pola Universidade de Santiago de Compostela, Concello de Lugo, Cruz Roja Española, Fundación Mujeres, Confederación Galega de Minusválidos, Federación Provincial de Asociaciones de Padres, Confederación de Empresarios de Lugo, Asociación de Empresarios del CEAO, Asociación de Mujeres Empresarias, Comisiones Obreras, Unión General de Trabajadores e Confederación Intersindical Galega.